O disco «Ao son delas» xa se move en tendas e buses de Baio

Presentado un traballo impulsado polo instituto que xunta compromiso social e lingüístico


O proxecto-disco O son delas, impulsado polo instituto Maximino Romero de Lema de Baio, xa é unha realidade dende onte. A idea e todo o traballo vén de moi atrás, pero onte foi a presentación, e ademais por partida dobre. A primeira, nun acto celebrado en Santiago, polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e polo director xeral de Educación, Manuel Corredoira, ademais do director do centro, Manuel Maseda.

O proxecto chega nas vésperas do día para a eliminación da violencia contra a muller. Está producido pola Xunta, a raíz dunha actividade educativa do centro (Xestión Cultural, de primeiro e segundo de bacharelato, coa colaboración de Imaxe e Son e Igualdade), que xa fora premiado no seu día polas consellerías de Cultura e Educación.

O disco inclúe música de cinco cantantes e grupos pop galegos integrados por mulleres. Xa dende onte, vaise escoitar a diario nos autobuses que fan o transporte do centro, das compañías Fondo, Facal e Pombo. Representantes destas dúas últimas (o de Fondo non puido) participaron na segunda presentación do día, dúas horas máis tarde, realizada en Baio (tamén houbo representantes de Política Lingüística), na biblioteca do centro e no exterior.

O disco ten un deseño de Alba Romero. Lupe Blanco e Alba María participaron coas súas regueifas na presentación de Santiago. Os cinco temas que inclúe son de Guadi Galego, As Tanxugueiras, A banda da loba, Habelas Hainas e A Comuna del Barruzo. Todas elas cederon as súas creacións para o proxecto. Os buses no que se escoitarán as cancións estarán rotulados, nos próximos meses, co lema Ao son delas... quilómetros de igualdade. Colabora tamén a asociación de comerciantes Comarca de Soneira, que distribuirá o disco nos seus comercios. Todos os beneficios da venda serán para Lúa Awel, diagnosticada de microcefalia, atrofia cerebral e leucomalacia multiquística periventricular severa.

Maiores e foliada

Por outra parte, o Concello de Zas programou para hoxe, ás 19.00 horas, no centro sociocultural de Baio, un encontro interxeracional ao que están convidados uns 50 alumnos dos tres centros do municipio: os colexios de Baio e Zas, e o instituto, e maiores de 65 anos con algún tipo de relación con pazos ou casas grandes. É unha das primeiras fases do proxecto As Regueifas dos Pazos, do Concello, que forma parte de Zas polo miúdo nas escolas.

Ao remate, sobre as 21.00 horas, comezará a cuarta foliada solidaria, organizada polos alumnos de Xestión Cultural do instituto de Baio. Actuarán Lupe Blanco e Alba María, Ameixeiras & Caamaño, Habelas Hainas, Laura Romero, Vintenbaio e Trubisquiña.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

O disco «Ao son delas» xa se move en tendas e buses de Baio