Teresa Castro: «Teño medo de non estar á altura, é unha gran responsabilidade»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

A doutora e atleta afincada en Vimianzo, orixinaria de Noia, sente «un gran orgullo» por ser a nova madriña do circuíto Correndo pola Costa da Morte

22 nov 2019 . Actualizado a las 21:56 h.

Comezou a correr na súa Noia natal con apenas 11 anos de idade: «Corenta despois regresei para participar nunha proba e sentín os mesmos nervios e emoción ca primeira vez». Di que non corre para gañar, aínda que ten moitas medallas e títulos as súas costas, senón polo «pracer de facelo», por superarse a si mesma. Tamén admite que, pese a toda a experiencia que leva acumulada nas pernas, cando vai comezar unha carreira sente os mesmos nervios dunha novata. María Teresa Castro Villaverde (Noia, 1968) ten varias paixóns. É doutora de familia (atención primaria), cargo que compaxina co atletismo. A vimiancesa é un dos rostros máis coñecidos das probas que se desenvolven na contorna e tamén do emblemático Circuíto Correndo pola Costa da Morte, cuxa organización nomeouna esta semana madriña para a vindeira edición, a sétima. Recolle así o relevo de Sara Vieites, Paula Esteiro, Damián Espasandín, Susana Gómez e Pedro Nimo, os anteriores padriños e madriñas da iniciativa.

-Como se sente con este recoñecemento?

-Contenta, fachendosa. É un recoñecemento moi importante, aquí [no circuíto] está a miña vida: os meus amigos, moitos exemplos de superación persoal como Sara Vieites, que logra emocionarme sempre que a vexo correr. É como unha heroína para min, ao igual cós seus pais... Estou emocionada por este nomeamento, de verdade, é un reto e un orgullo e espero estar a altura do cargo.

-Por que o define como un reto?

-Lembro cando arrancou o circuíto hai agora seis anos e como creceu dende entón. Xa son dez os concellos participantes [Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas] e moita xente que coñezo comezou a correr coincidindo precisamente co inicio deste circuíto. Antes diso non facían nada e agora non se perden unha coa carreira.

-Segundo os datos oficiais da organización, publicados recentemente, pasouse de 8.373 participantes no 2018 a 9.211 neste 2019. E a cifra de corredores incrementouse nun 337?% dende o 2014, ano da primeira cita. Como os valora?

-Voulle poñer un exemplo. Cando xurdiu o circuíto fundamos o grupo Mulleres da Costa da Morte. Por aquel entón, eramos optimistas se acadabamos sete mulleres, unha por concello representado, e resulta que somos máis de 30. Pero é máis, moitos dos que agora corren no circuíto antes de que xurdira non facían deporte algún e o mellor é que agora son un referente nas carreiras. Por iso falo do medo a non estar á altura do nomeamento, porque é un reto moi importante para min e supoño que tamén para a organización.

-Que prevé facer neste vindeiro ano como madriña?

-Primeiro, estar ao que se me indique desde a organización; e segundo, tratar de poñer en valor cousas que considero imprescindibles, como o fomento do deporte, en especial do atletismo, e da vida saudable en xeral. Quero facer charlas en colexios e institutos da zona en contra do sendeirismo e a favor da práctica deportiva e o ocio. O sendeirismo ten na actualidade unha cualificación case de adicción. Quero aproveitar este nomeamento como plataforma para poñer en valor os bos hábitos deportivos e alimenticios. Botamos aos rapaces das rúas, xa no xogan en espazos abertos, fano nas casas, en lugares pechados. Xa non hai unha interrelación entre os rapaces como a que existía antes e, nese sentido, o Circuíto Correndo pola Costa da Morte supón un regreso ás rúas e por iso é tan importante, porque as carreiras levan aos nenos de novo ás rúas, aos parques, a facer deporte, a xogar. No caso da Costa da Morte sucede outra cousa, que é que moitos dos rapaces estudan ou traballan fóra polo que ese relevo xeracional non é tan acusado como ocorre nas grandes cidades. En todo caso, nos últimos anos, o Circuíto Correndo pola Costa da Morte logrou captar a moitos destes rapaces que agora non se perden unha soa carreira.

-Nas últimas edicións gañou xente veterana e os primeiros postos soen ser para corredores e corredoras que xa levan moitos anos practicando. Percibe un relevo xeracional no circuíto comarcal?

-É certo que nos últimos anos están Tina, Rocío Alvite, Amador Pena, Antelo... Xente con ampla experiencia, e algúns deles veteranos, pero vén xente pegando forte por detrás, como o ceense Elián Numa. É un verdadeiro portento, un grandísimo atleta. Será sen dúbida un gran referente. E logo hai moitos rapaces, digamos máis anónimos, que o fan moi ben e que teñen un bo futuro por diante. As probas das categorías inferiores do circuíto son cada vez más importantes e contan cunha maior participación ano tras ano.

-O técnico de deportes do Concello de Cee, Manuel Calo, comentou recentemente que o circuíto exerce de imán para o turismo porque o 60?% dos deportistas son de fóra da comarca.

-É ten moita razón. Cada vez son máis os corredores de fóra os que veñen e completan o circuíto. Pero é que non só corren, tamén toman algo, quedan a comer coas familias e amigos, gozan da fin de semana pola zona, quedan para ver cousas e lugares emblemáticos da zona. É un gran foco de captación do turismo, un turismo amigo do medio ambiente, do deporte, do sendeirismo.