Manuel Rey: «As fake news sempre existiron, non porque leven nome inglés son algo novo»

F. Rodríguez / M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Mes da Fundación Fernando Blanco | O carballés vén de presentar en Madrid o seu libro sobre a ataxia da Costa da Morte

20 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O xornalista carballés Manuel Rey Pan será o protagonista dunha nova parada do Mes da Fundación Fernando Blanco; desta banda, para falar aos estudantes de bacharelato de Cee sobre noticias falsas, desinformación e correntes informativas actuais. Rey, que lanzou recentemente o libro El mal sin cura de la Costa da Morte. SCA36, unha fonda investigación sobre a ataxia da Costa da Morte, debullou en Radio Voz Bergantiños o contido da conferencia que impartirá hoxe no instituto Fernando Blanco, a partir das 11.30 horas.

-Isto dos medios de comunicación terao bastante dominado...

-Ben, nunca se sabe o suficiente, creo eu [ri].

-Hoxe falará sobre a correcta información «entre o ruído».

-O obxectivo é, sobre todo, que participen os rapaces dos institutos de Cee. Ao tratarse dunha actividade en horario lectivo gustaríame que este espazo rompese un pouco a súa rutina. A idea é que participen e expoñan como se informan eles, que cousas ven nos medios que lles gustan e cales cambiarían...

-Hai unha fenda xeracional importante. Esa transición cara ao dixital tamén a pillou vostede.

-Si, eu teño agora 30 anos, pero a nosa xeración, se non nos poñemos as pilas, imos quedar atrás. Nós seguiamos lendo os xornais, vendo as mesmas canles e escoitando a radio de sempre, pero o paradigma cambiou totalmente. Iso é algo que hai que ter en conta e non perder o tren. Tampouco se pode ser egoístas: hai que ter en conta a eses mozos que veñen detrás, e que tamén ven este cambio de paradigma, e chegar a algún tipo de consenso.

-O usuario actual busca de xeito activo a información, non só se informa de xeito indirecto.

-Si. Eu, aínda que só sexa por propia supervivencia, son deses que non están de acordo en que o xornalismo vaia camiño de morrer ou que non fagan falta xa os xornalistas, nin moito menos. O traballo que fan os compañeiros que seguen a facer xornalismo a día de hoxe é esencial. Agora ben, hai que facer tamén autocrítica para detectar en que punto estamos máis frouxos, que lastres arrastramos dende outros xeitos de informar e cales temos que corrixir para non caer na desinformación. É moi importante, neste sentido, ensinar a seleccionar, a cribar o gran da palla, como se di.

-Un termo que parece estar moi de actualidade: as «fake news».

-Con esta moda de darlle nomes ingleses ás cousas parece que son algo novo, pero ao final as noticias falsas, as lerias, estiveron sempre aí. Isto é algo do que me gustaría falar tamén hoxe en Cee, de que non é nada novo, aínda que hoxe en día hai un paradigma totalmente distinto, pois a capacidade que hai para difundir informacións a través das redes é moito maior. Danse moitos casos [de noticias falsas que se fan virais] e hai que saber como afrontalos. Pode parecer un panorama moi escuro, moi difícil de comprender, pero botándolle algo de luz igual axuda a entendelo mellor.

-Recentemente estivo por Madrid falando da ataxia.

-Si, ata alí chegamos tamén [ri]. Falamos do libro da ataxia da Costa da Morte na editorial que apoiou o seu lanzamento, e en moi pouquiño tempo, apenas dez días, teremos aí en Carballo a cea benéfica da Asociación Galega de Ataxias, que servirá de encontro anual con afectados e coa xente que nos apoiou durante todo este tempo.