De Cee ao Mundial: «Levamos a mellor representación!»

f. rodríguez / m. rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

A experta en baile deportivo, Graciela Toba, comentou as posibilidades dos seus alumnos esta fin de semana en Italia

15 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cee estará representado esta fin de semana no Mundial de Bailes Caribeños, a disputar en Xénova (Italia), por seis deportistas moi novos do Club Arte e Movemento que defenderán as cores de España, e a súa profesora, Graciela Toba, que será xuíza. A experta (Cee, 1981) falou onte para os micrófonos de Radio Voz Bergantiños sobre a experiencia que lles agarda.

-Como vai ser iso de avaliar aos seus propios alumnos?

-No noso deporte, cando vas a un campionato, xa sabes ao que podes aspirar. No meu caso, só terei que valorar se tiveron un día bo ou malo, e se o rival fallou.

-Será a segunda vez, por segundo ano consecutivo, que a súa escola acuda a esta cita.

-Esta especialidade é nova para a Federación Española. A primeira vez fomos cunha parella e quedaron sétimos entre 70 parellas. Tamén en marzo foron á Copa do Mundo de salsa e bachata en Francia e viñeron cun bronce. Pero a parella rompeu, desfíxose. Isto é como un equipo. Tamén é certo que isto dálle a oportunidade de ir a outros. Algúns xa estiveron na Copa do Mundo, tamén. De 70 parellas, a ver se pasamos unha rolda, e quedariámonos en 48, e de facelo ben na seguinte, xa serían 24. Iso sería espectacular! A maioría teñen 18 anos. Imaxínate a traxectoria que van ter por detrás con cinco anos máis.

-Explíquenos un pouco en que consisten os bailes caribeños.

-Son unha das dez especialidades da Federación nos estatutos. Hai catro anos que a Federación practica esta especialidade, que domina totalmente Italia. Divídese en salsa, merengue, bachata e salsa shine. Do mesmo modo haberá catro campionatos, que ben poden ser por parella, individual ou dúo: dúas mulleres e dous homes. Nós participaremos en todo, en seis probas distintas.

-Cando parten cara Italia?

-Mañá pola mañá e volvemos luns pola mañá. Levamos a mellor representación! Algúns foron campións e subcampións en youth, un foi sétimo na Copa do Mundo... A Federación apoia moitísimo a especialidade. O presidente chamounos esta semana para dicirnos que a tope.