Tania Carreira: «Cada día descubro cousas novas»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana García

A técnica de turismo do Concello de Zas reivindica a riqueza paisaxística do interior da Costa da Morte

12 nov 2019 . Actualizado a las 11:53 h.

Tania Carreira (Vilar, Zas, 1984) foi Miss Costa da Morte no 2010, pero dende hai anos as belezas que amosa son as do patrimonio natural e cultural. Aínda que traballou no faro Vilán, é unha gran defensora do interior, onde aínda é posible descubrir cousas novas cada día.

-Os concellos do interior poden ser atractivos para os visitantes?

-Aínda que moitos son descoñecidos, teñen unha paisaxe natural que garda moitas sorpresas. Hai que dalos a coñecer, valorar e sinalizar.

-Pero cando pensas nun lugar turístico non pensas en Zas, por poñer un exemplo.

-Supoño que cando pensamos en turismo sempre visualizamos a costa, pero hai lugares onde os solpores poden ser mellores que no mar. No pico de Meda a posta de sol é impresionante. Vese toda a Costa da Morte e máis, desde cabo Prior ata o monte Iroite en Noia, na serra do Barbanza. Mellores vistas é imposible telas en ningures.

-Nos contos din que a beleza está no interior, e será certo.

-Estou pensando en Zas, pero tamén en Ourense, na Ribeira Sacra ou en Lugo. Para todas esas zonas estamos na mellor época, coas fervenzas cheas, radiantes pola achega de auga. O outono é tamén a estación das cores, dos amarelos, vermellos e ocres. É un momento moi especial da natureza, e todo iso témolo no interior.

-Ese turismo interior ten algo de descubrimento?

-Hai moitos lugares descoñecidos, dos que ao mellor só sabe a xente local, por ir antes e porque agora están ocultos pola propia natureza. Pasa moitas veces que cando alguén os descobre a xente volve ir a eles. Pasoume hai pouco en Budián, na parroquia de Gándara, onde hai media ducia de muíños que levaban ocultos hai moitos anos. Cando abrimos o paso un veciño moi maior comentou que había moitísimos anos que non volvera. Esa recuperación do patrimonio non é só para os visitantes, senón tamén, e especialmente, para a poboación local. Trátase de descubrir recursos que estaban aí, cando os montes estaban máis limpos, e aos que agora é máis difícil chegar.

-Ese acceso pode matar parte da súa esencia?

-A forma de preservar é poñelos en valor dunha maneira sostible, conservar e divulgar de maneira que a xente que vaia valore e intente coidar. Hai que facer unha valoración do patrimonio dunha maneira na que a xente poida percibilo como algo seu. Se sentes que algo te pertence valo respectar, polo que vas intentar que non se perda.

-Pode ser o turismo o principal destrutor do patrimonio natural?

-O home é o principal destrutor do patrimonio natural, por iso é tan importante a poboación local e o tema da divulgación dunha maneira didáctica e sostible. Trátase de que quen visite un lugar o respecte; custa traballo, pero é posible.

-Poden ser os visitantes a resposta para o que se coñece como a España baleira?

-Eu prefiro sempre a calidade fronte á cantidade, e en turismo temos un tipo que respecta o medio ambiente e valora o lugar no que está. Iso é importante para non perder a esencia, pero hai máis. Hai paisaxes naturais que, mirando a toponimia, están relacionadas con contos ou lendas. Se desaparece o lugar a historia deixa de ter sentido, por moito que se siga transmitindo. Se é ao revés, e temos un lugar do que non se conservan as historias, perdemos a súa esencia. É importante conservar as cousas, pero non só para a xente que veña de visita, senón para a xente que vive no contorno.

-Daquela pódese ser turista na terra de cada un.

-Eu considérome unha turista do concello de Zas e de toda a Costa da Morte. Cada día descubro cousas novas. Faláronme de dúas fervenzas en Teixidón e en media hora estaba alí. É a segunda vez que digo eu quero vivir aquí, neste lugar, non quero moverme de aquí. Non sabía o nome, pero, por Facebook, un señor díxome que unha lle chamaban o Pozo da Serpe, polo que podería estar relacionada con algunha moura, das que dicían que se convertían en serpes. Iso foi o sábado pasado. Está claro que sigo a ser unha turista no meu concello. As palabras deben guiar con conservación, valoración e sostibilidade.