La Voz e Radio Voz convocan a 16.ª edición do concurso Contos de Nadal

Julián Fernández CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Está dirixido a alumnos de terceiro e cuarto cursos de primaria da Costa da Morte

10 nov 2019 . Actualizado a las 23:57 h.

La Voz de Galicia e Radio Voz acaban de convocar un ano máis o tradicional concurso Contos de Nadal. Están chamados a participar neste certame escolares de segundo ciclo, cursos terceiro e cuarto de primaria, de todos os colexios das bisbarras de Bergantiños, Soneira e Fisterra, ademais de Cerceda.

A data límite para a entrega dos traballos será o día 25 do presente mes de novembro. Esta xa é a décimo sexta edición do concurso Contos de Nadal, que xa goza dunha longa traxectoria e gran participación dos alumnos dos centros escolares da comarca. Os traballos teñen que ser remitidos á rúa Gran Vía, número 84, andar primeiro, no código postal 15.100, en Carballo. Ou ben ser entregados en man na propia redacción do xornal nesa mesma dirección.

Os relatos deben presentarse en letra ben lexible e non superar unha extensión máxima de dous folios ou 1.500 caracteres, con espazos incluídos.

O contido dos textos debe estar relacionado co Nadal e tamén coa Costa da Morte ou algún dos seis espazos ou personaxes.

La Voz de Galicia e Radio Voz xa levan 16 anos, con este, estimulando a creatividade literaria dos máis novos con ocasión dunhas datas tan sinaladas como son as do Nadal.

Cada colexio debe facer chegar os traballos dos seus rapaces debidamente identificados, ben lexibles, pasados a limpo, co nome do autor perfectamente identificable, o curso ao que pertence e o centro no que estuda.

A orixinalidade do tema elixido e a calidade literaria serán os principais elementos a valorar por parte do xurado.