Ramón Castiñeira: «Baio e máis A Piroga somos un pobo só en dous concellos, sentímolo así»

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

A localidade é a súa asociación están a vangarda da comarca en canto a traballo comunitario con visión de futuro

10 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cústalle un mundo empregar a primeira persoa. Todo é «somos», «fixemos», «queremos»... porque para o presidente da Asociación de Veciños Tabeirón de Baio, Ramón Castiñeira Reimúndez (1971), o importante é o colectivo e seu cargo convértese só nun instrumento para acadar uns obxectivos bastante ambiciosos.

-¿En que andan agora mesmo?

-Nos últimos tempos temos un proxecto que é poñer en valor a canle do río e máis o entorno de monte Castelo, que é o patrimonio natural máis interesante que temos en Baio. Levamos dende primeiros de ano preparando distintas zonas. Aproveitamos a organización dunha proba deportiva para ir amañando eses treitos e que queden aí. Limpamos sitios de paso, construímos pontes... No mes de maio fixemos unha duatlón, en outubro a BTT e agora para o 8 de decembro estamos preparando un trail e máis unha andaina. Por exemplo hoxe (por onte) estivemos mirando alí arriba de Pedra Vixía, nun sitio que se inunda, e mañá iremos catro ou cinco para facer un paso que poida quedar para o futuro. Poderiamos poñer catro táboas para pasar o día do trail e ala, pero todo o que facemos é con vocación de permanencia.

-E con intención de integrar a un público moi amplo.

-Si. Por exemplo na BTT había un ruta larga, pero tamén unha curta, que calquera que estea un pouco habituado a andar en bicicleta facía perfectamente. Despois tamén fixemos unha mini BTT de 16 quilómetros, non competitiva, cun coche diante e outro detrás para que ninguén se lanzase, e participaron dende nenos de 6-7 anos ata persoas con máis de 70. Agora co trail, que tamén hai longo e curto, pois decidimos facer o mesmo día unha andaina para que todo o mundo poida participar.

-¿Cal é o obxectivo final de todo isto?

-Facer unha vía, sinalizada e acondicionada, que quede para o futuro. Que a poidamos meter nas aplicacións que hai agora para que calquera, de aquí ou de fóra, a poda seguir, que poida ver ata Baio a tomarse un café. Porque agora mesmo, nestes momentos, co río cheo de auga ata arriba e a folla caendo isto é unha verdadeira pasada.

-¿Que relación manteñen co Concello?

-Temos boa relación. Nós imos empurrando e tirando del porque temos vontade e unha ilusión desbordante, pero hai cousas que precisan investimento e nós iso si que non o temos. Ás veces tardan, pasan catro ou cinco meses, pero veñen vindo. Pensamos que é interesante iso de que nós tiremos e eles veñan detrás, polo menos ata que nos cansemos. Podía ser ao revés, que fosen eles os que arrincasen, pero facemos nós de lebre e, pouco a pouco, facemos que arranque. Comezan a verse brotes verdes. Por exemplo agora para o trail, o Concello estanos axudando a limpar. Mandou un par de operarios para rozar. Vamos, que ben. E tamén falamos coa nova alcaldesa de Vimianzo, porque Baio e máis A Piroga somos un só pobo en dous concellos, todos o sentimos así e esperamos que o río, por un lado e máis polo outro, nos sirva como elemento de desenvolvemento do pobo.

«Cando, por dicir algo, nos fan falta 40 persoas para estar en todos os cruces, sóbranos xente, así que moi ben»

O presidente de Tabeirón non lle pode estar máis agradecido á implicación da xente de Baio, porque a colaboración nas iniciativas é absoluta. Unicamente bota en falta máis voluntariedade á hora de poñerse ao fronte e dirixir.

-¿Como funcionan as iniciativas que poñen en marcha?

-Para nós é moi importante que as cousas xurdan de abaixo cara arriba. É moi loable que o Concello colla o relevo, sobre todo en temas que precisan de inversión, pero de nada serve facer cousas que, ao mellor, custan unha morea de cartos e despois resulta que chegas ao pobo e ninguén as ve interesantes.

-En Baio teñen moita experiencia de traballo veciñal.

-Si, sempre foi moi importante. Pedra Vixía recuperouse a través de asociación de veciños, o centro médico está nun local veciñal, a única praza que temos sitúase nun terreo cedido polos veciños. É certo que en todos os lados se está perdendo esa vocación, porque cada vez somos máis individualistas, pero en Baio a verdade é que é impresionante o apio que temos. Se nos fan falta, por dicir algo, 40 persoas para estar en todos os cruces durante a BTT, sóbranos xente. Agora se hai que coller dous metros no entorno de río, que son terreos privados, a xente encantada. Restauramos dous muíños e os donos firmáronnos a cesión sen problema. O que faga falta. Quizais o que más precisamos é xente con vocación de capacidade de dirixir, porque sempre temos que ser os mesmos dous ou tres.

-¿Que saúde ten agora mesmo a asociación veciñal?

-Hai unha cuestión. A asociación encargábase da limpeza do cemiterio e hai xente que está fóra que pagaba o carné só por iso. De hai dous anos para aquí o no novo cura, co noso apoio, decidiu cobrar unha cota e ocuparse el da limpeza. Por iso algúns deixaron de pagar o carné. Pero aínda así estamos en máis de 300 socios, sobre 310 creo, e medrando. Nunca houbo moitos máis e hai que ter en conta que o socio é a casa non é a persoa. En Baio debe haber sobre unhas 500 casas, así que están máis da metade, co cal o grado de implicación co que contamos é moi alto e estamos moi agradecidos.