José Manuel Pose Martínez, Mata: «No fútbol veterano atopei a paz»

Este futbolista en activo dos máis veteranos na Costa da Morte tamén foi piloto de autocrós con varios títulos


carballo / La Voz

«Teño 58 anos. Pero xa estou máis preto dos 59». Fala José Manuel Pose Martínez, máis coñecido como Mata, polo apelido do seu pai. Naceu en Coristanco en marzo do 1961 e con 15 anos comezou a xogar ó fútbol coa camiseta do Deportivo Carballo, club que, sen sabelo, casi sería a súa casa. Pasou sen facer moito ruído polo Erbecedo de Coristanco e pola Sociedade Deportiva Coristanco cando esta se fundou, pero, aos 25 anos deixouno. O que non se imaxinou nunca é que regresaría a este mundo unha vez cumpridos os 40. Este home é coa súa actual idade un dos futbolistas en activo máis veteranos da Costa da Morte. O certo é que tras practicar outros deportes asegura que foi no fútbol veterano onde atopou a paz.

-Como comezou nisto do fútbol?

-Boteime a xogar dende rapaz, parei, e hai dezasete anos volvín. Fun para o Deportivo Carballo xa dende novo porque xurdiu así. Alí había bo ambiente. E ségueo habendo. Xa por iso aí sigo. Empecei con 15 anos, estiven algún ano no Erbecedo de Coristanco e na Sociedad Deportiva Coristanco cando se fundou, e con 25 deixeino. Logo cambiei de afección e metinme a piloto de autocrós en máis de 1.600 centímetros cúbicos de cilindrada. E así estiven outros dez anos. Sempre me gustou o mundo do motor. Quizais porque o mamei dende moi pequeno por meu pai. Del herdei o Taller Agrícola Mata, aquí mesmo en Coristanco, onde principalmente nos dedicamos a arranxar tractores. Non ten moito que ver unha cousa ca outra, pero o caso é que a min me encanta andar neles, aínda que nunca fun a un partido montado nun [ri]. De feito, fun un dos fundadores do circuíto de autocrós de Coristanco, en Seavia, do que agora só queda unha parte das pistas, aínda que se fixo con fondos do Concello. E alí mesmo, onde se disputaron durante moitos anos probas oficiais, proclameime dúas veces campión galego e, outras dúas ou tres, subcampión. Despois, levei as culpas de contaxiarlle esta afección a miña filla, Victoria, que competiu tamén durante varios anos. Andar en bicicleta tamén me levou idea toda a vida e, máis recentemente, metinme nisto de coleccionar coches antigos e ir ás concentracións. Pero para estas dúas afeccións, agora, fáltame o tempo e, mais por que non, o cen por cento da intención [ri].

-É vostede un home «todo terreo». Abofé que lle gusta o deporte.

-Tamén tiven unha época de competir con todo terreos, precisamente. Pero si, o que sempre me gustou, e máis aínda agora, é manterme en forma. E realmente, no fútbol veterano atopei a paz, porque cando es máis novo e compites hai intereses de por medio, en cambio aquí o que hai son ganas de pasalo ben. Fóra rifas. Son unha persoa, tamén, á que non lle gustan os conflitos.

-E como se leva a práctica dun deporte coma este con 58 «tacos»?

-Ai eu lévoo ben! Vou para pasar o tempo, para estar cos amigos, sen ánimo de competición algún. Con estes anos, se pensas que vas facer algo, estás enganado. Fisicamente non estás para grandes esforzos. Podes ter unha lesión e non hai que arriscar. Claro que sempre gusta gañar, pero a estas alturas da vida, se non gañas non pasa nada.

-Non acusan máis as lesións?

-Xa nunca fun de ter moitas. Iso si, unha cousa quero deixar clara:hai máis risco de lesión no fútbol, que no autocrós, pese ó que pensa a xente.

-Como é a súa rutina o domingo? Porque nisto do fútbol veterano os adestramentos están sobrevalorados, non si?

-Por suposto! Quentamos cinco minutos antes que senón despois xa non queremos o partido [ri]. As mañás de tódolos domingos están reservadas para o fútbol. A miña muller rífame, pero xa está acostumada, tanto ela como eu a que me rife [ri]. Tomamos o café, xogamos, logo unha cerveixiña ou unha auga, segundo o día, e para a casa.

-En que posición xoga?

-De defensa porque non hai que correr [ri]. Non, xoguei sempre atrás. Sería porque son malo [ri].

-Ata cando o veremos nos campos?

-O próximo ano quizais haberá que ir parando. Pero tamén era para deixalo este ano máis sigo aquí!

-Que lle parece que o fútbol veterano pasase a ser federado nos últimos anos?

-Pois paréceme que se deu un paso moi importante. Logrouse que haxa máis respecto, pois aínda que os que levaban o tema o facían moi ben, antes non había sancións e, agora, sabes que falar o que non che deixan na casa ten as súas consecuencias, como ten que ser.

-Dígame o seu equipo e xogador preferidos.

-Son do Dépor e do Real Madrid. E non teño xogador favorito. Tamén sigo o fútbol da comarca.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

José Manuel Pose Martínez, Mata: «No fútbol veterano atopei a paz»