José Antonio Moreira: A paixón polo ensino e o deporte

José Antonio Moreira

CARBALLO

ANA GARCIA

EN PRIMEIRA PERSOA | «Xoguei e adestrei en moitos equipos da Costa da Morte. De todos gardo magníficos recordos», di o profesor, exxogador de fútbol e exadestrador de varios conxuntos

03 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A ensinanza e o deporte sempre foron unhas das miñas paixóns, despois de de 40 anos exercendo como profesor sigo mantendo as ganas e ilusión a falta de dous cursos para xubilarme.

O primeiro destino docente foi no curso 1979-80 na antiga Universidad Laboral (O Burgo Culleredo). Estes centros fixeron un gran labor para que moitos dos nosos alumnos puidesen estudar, xa que cubrían moitas necesidades das familias sen recursos da Galicia interior e da Costa da Morte. Tamén tíñamos moitos alumnos da comunidade de Castela e León.

Eran centros moi ben dotados de material e talleres, onde os alumnos facían as prácticas nas distintas especialidades da antiga Formación Profesional saían con moi bo adestramento. A maioría encontraba traballo ó rematar, sobre todo na especialidade de frío e climatización. Foron centros que fixeron un gran labor social en tempos de dificultades para as familias carentes de medios para darlles estudios o seus fillos. Coas becas que recibían cubrían todos los gastos. Despois dun decenio, no ano 1989 fun destinado o instituto Agra do Orzán, no barrio do Ventorrillo da Coruña. Durante este tempo o país sufriu moitos cambios na educación, con sete leis dende o ano 1970, pero tamén cambiou moito na procedencia dos alumnos. Os nomes dos alumnos do instituto Agra do Orzán non son os comúns nunha aula galega ó uso. Los Yibao, Mohamed, Raiza, Yariza únense aos de Mario ou Alejandro, Noa, Ana.

Neste instituto público tampouco é o que se diría un centro ordinario. A multiculturalidade das súas clases é unha diversa e rica excepción. Temos alumnos dunhas 17 nacionalidades distintas, reflexo da realidade do noso entorno, nun barrio onde hai asentadas xentes de múltiples procedencias. Cada curso temos que adaptar os contidos, o currículo varía moito de país a país. Pero tamén e moi enriquecedor esta heteroxeneidade e un reto educativo e de tolerancia. A parte académica é moi importante, pero tamén a emocional.

Outra das grandes paixóns é a práctica deportiva, sobre de todo o fútbol. Xoguei e adestrei en moitos equipos da Costa da Morte. Non quero esquecer a miña etapa como preparador no Coristanco, Cabana, Baio, Arteixo, Negreira, Malpica, Bergantiños. De todos eles gardo magníficos recordos e certa nostalxia.

Antes ía aos campos moita xente, non había tanta televisión e non tiña tanta importancia a máxima categoría. Era a diversión da fin de semana, xogar contra o equipo do pobo do lado era o máximo. Xa sabemos que o fútbol é hoxe un espectáculo de masas que mobiliza inxentes recursos e participa na conformación dos imaxinarios globais. Pero as veces esquecemos que na base da pirámide do fútbol se atopan pequenos equipos de vila ou de barrio que nutren de futuros talentos o deporte profesional. Son ademais organizacións comunitarias valiosas en si mesmas cunha grande relevancia na vida cotiá dos pobos.

Así é que actúan como un espazo de encontro e reforzo de lazos veciñais, xeradores de identidade local e orgullo de pertenza, promotores de valores e hábitos de vida saudables.

A memoria, a ser posible escrita, do pasado e do presente, é un legado dun gran valor histórico con lembranzas que están a veces durmidas, e que nos fan soñar de novo, ter ilusións, ter algo que contarlles os fillos e aos nosos netos.

José Antonio Moreira naceu en Traba (Coristanco) o 30 agosto de 1956. Formouse como futbolista no Seminario Menor de Santiago, onde destacaba nos campionatos escolares. Logo xogou no Deportivo Carballo, o Ponteceso, o Bergantiños e o Coristanco, club ao que axudou a fundar. Empezou xogando de extremo, pero a maior parte da súa carreira futbolística fíxoa como centrocampista. Adestrou a Coristanco, Cabana, Baio, Arteixo, Negreira, Malpica e Bergantiños. É profesor no instituto Agra do Orzán.