«Fariña»: Retallos cosidos daquela maneira

FIOT | Crítica teatral | A forma do relato desta historia pareceume pouco elegante. De Luar, de Land Rober. Populista


Derradeiro día do FIOT. Como de costume, comeza o acto coa entrega do Xograr de Outono 2019, a Patricia de Lorenzo, realmente merecido. Unha das máis fermosas xoias do teatro galego. Van ser as nove e media, cando comeza a función de hoxe: Fariña.

Debo ser un dos poucos galegos que non vin a serie Fariña, nin lin o libro. Non sei, por algunha razón descoñecida non me chamou. Dixéronme que esta obra respecta o texto, pero como obra de teatro non tardo demasiado en decatarme que non é moito... Decepcionoume. A escenografía pode que fora funcional, porque estética... Para nada!

Cinco actores e actrices sobre o escenario, que se van repartir diferentes papeis. O tema, fundamentalmente, e como todos sabedes, é o contrabando das Rías Baixas (e non tan baixas); primeiro de tabaco, e logo de droga. Mais o comportamento dos pescadores, dos políticos, do alcalde, da xente nova, das familias... E así van sucedendo as realidades profundas da sociedade galega: o tabaco primeiro, os porros, e logo máis. Tódalas pezas básicas desta sociedade, que vai quedando profundamente afectada.

Dáse a tremenda casualidade que nunha data significativa que se cita na función (xullo de 1979), eu estaba, de aquela en Cambados. Recentemente aprobadas as oposicións de profesor de Física, mandáronme para alí. Felices días dos meus comezos. Foi o único curso que estiven fóra de Carballo. Preciosa vila, Cambados, e xente encantadora. Tan encantadora que me lembro que uns rapaces dixéronme en clase, en dúas ocasións: «Profe, mañá non veño que vou ó tabaco co meu pai!». Iso era así de normal, entón. Eu xa non collín a etapa posterior de drogas duras. Case parece inevitable que se dera tal salto. Demasiada tentación.

As interpretacións dos protagonistas, un tanto desiguais. Confésovos que son un fervente admirador de Touriñán. Ese home ten moita, pero moita vis cómica. Realmente é bo. Pero resulta farto complicado desligar a Touriñán, o Touriñán cómico, do humorista da TVG.

Estrutura

Formalmente ten unha estrutura de sketches, pretendidamente graciosos e satíricos, nalgúns casos, e tristes e de denuncia noutros. Semella un conxunto de retallos cosidos daquela maneira.

Vou comezar polas cousas que maior xeito lle vin a esta obra: paréceme estupenda a escena na que os adolescentes elixen droga. Tamén a constatación dun feito triste que atinxe a Galicia: esa droga. A porta de entrada para España e Europa. A escena da cea da rapaza enganchada cos seus pais, nunha segunda parte máis dramática, e de mellor contido, resulta intensa e interesante; aínda que penso que se lle podía sacar, teatralmente, moitísimo máis do que alí vimos. A canción Que mal vai ter, moi apropiada. Escena tremenda e impresionante (do verbo impresionar) é o relato, auténtico, do equipo de fútbol, campión de Vilagarcía de Arousa (terra de Ramón María del Valle Inclán), que caeron todos nas drogas, e que só sobreviviron tres deles. Deste feito deu conta, hai uns anos, La Voz de Galicia. Abraiante. E outro punto ben acaído son as protestas das (marabillosas) nais, non só en contra dos narcotraficantes, senón tamén dos axentes sociais de todo tipo que tiñan algo de responsabilidade nesta historia. Non entendín por que esas burlas contra o xuíz Baltasar Garzón. Se cadra non lin de abondo, ou non estou ben informado. A ver se hai alguén que mo explique.

Cousas malas

Pero teño máis cousas malas que contar, en canto ó bloque teatral que se intentaba expoñer. A irregularidade deses retallos, é unha constante en toda a peza. A muiñeira e as intervencións de orquestra, semellan incrustadas na obra a marteladas, porque moito sentido non lle vin, en canto á liña teatral. Paréceme un cantar de cego, ou unha regueifa de feitos, algúns dos cales, se cadra, non merecen tanta sorna ou retranca. O decorado, xa dixen, paréceme horrible, malia que seguramente moi práctico. A forma do relato desta historia paréceme pouco elegante. De Luar, de Land Rober; e que me desculpen os afeccionados a tales programas. Populista. Penso que o tema merece máis seriedade, profundidade e literatura para dar conta del. Galicia meréceo. Así, queda en contos de taberna ou de sobremesa. Eu gustaría máis dunha epopea, dignamente contada, sen buscar, necesariamente o riso fácil.

Seica pode ser máis un problema de dirección que doutra cousa. Outro tema co que tampouco estou en absoluto de acordo, é a maneira con que se tratou a figura do Rei. Como se el fose o culpable de toda esta liorta. Penso que non é Juan Carlos (dáme boa ansia, logo do asunto dos elefantes, pero iso é outro tema), o que sae danado, senón a figura estatal, a figura política do Rei. Unha figura que é algo máis: un concepto representativo dun Estado. E como tal merecente do máximo respecto, para non caer nun país bananeiro, nun país de pandeireta. E coidado, non pensedes mal: diría exactamente o mesmo, se falaran do Presidente da República. Non é o nome, é a figura de estado. Esas cousas non se tocan, pola propia dignidade dun país. Esa parece unha vulgaridade de tasca. Educar deste xeito, conduce a unha nación sen principios nin valores. E así nos vai. Tampouco a Garda Civil sae mellor parada. ¿Non é un chiste demasiado fácil? Outra escena deplorable (para min) pareceume á da Cocaína e o Marroco. Case de mal gusto.

E rematou o FIOT, o magnífico FIOT deste ano: máis coma este, por favor.

Vaise a andoriña, como anunciabamos na primeira crítica. Espero que vos fose útil, aínda que, o máis normal, é que discreparades de abondo comigo.

Ata outra mellorada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Fariña»: Retallos cosidos daquela maneira