Fernando Castro «O teatro é unha profesión de risco»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

cedida

O profesor do Fernando Blanco de Cee dirixe tamén o grupo de actores do instituto

30 oct 2019 . Actualizado a las 08:29 h.

Fernando Castro Paredes (Tapia de Casariego, 1975) pasou toda a tarde de onte ensaiando cos alumnos do instituto Fernando Blanco, onde é profesor desde hai 12 anos, as actuacións do Samaín. Xunto coa súa compañeira do departamento de Lingua Castelá e Literatura Marina Gómez, dirixe o grupo de teatro do centro, creado hai oito anos. Foi precisamente buscando textos para os seus alumnos que naceu neste filólogo, amante da literatura en xeral, unha especial paixón pola arte de Talía. Vén de gañar o Premio Rafael Dieste, que concede a Deputación e que está valorado en 6.500 euros. Non é a súa primeira honra como autor de textos teatrais: anteriormente xa levou o Varela Buxán, o Roberto Vidal Bolaño e un accésit do Jenaro Marinhas del Valle.

-Como lle sentan os recoñecementos?

-De marabilla. Tódolos premios son estupendos, pero co último estou un pouco abrumado. Pola nómina de gañadores das anteriores edicións un séntese pouco merecedor, polo que é moi de agradecer.

-Non é moi doado atopar obras con textos orixinais; de feito, no FIOT deste ano houbo dúas de Shakespeare e unha de Lope de Vega.

-É certo, non sei cal é a razón concreta, pero o certo é que é complicado facer teatro, é caro e non é rendible. É unha profesión de risco, e tampouco temos en Galicia a tradición do teatro de autor. Nas compañías ou hai creación colectiva ou teñen un autor de man co que traballan sempre. É difícil ser independente, non ter compañía. O certo é que os grupos apostan polos clásicos porque funcionan sempre, por iso precisamente son clásicos. Iso é máis doado que tratar de arriscarse. Os premios serven para dar visibilidade porque hai algunha compañía profesional interesada. Eu estou vinculado ao grupo afeccionado Farándula Velutina, co que xa temos afrontado algunha montaxe.

-A obra coa que gañou o Rafael Dieste é «Amorodo agre»: non parece precisamente unha comedia con ese título.

-Non, é precisamente agre. Trata temas moi delicados, enlaza co peor do ser humano como a pedofilia, o suicidio, o asasinato ous as relacións tóxicas na familia. Son cuestións moi desagradables que para min están encadradas no formato xenérico da traxedia.

-Lévanse os textos duros, os que amosan a vida como é?

-O teatro é moi bo para concienciar. Nós, Farándula Velutina, representaremos en novembro Animais de compañía, un texto meu precisamente sobre a violencia de xénero. O teatro é moi bo para espertar conciencias.

-Pero pagar por ir a sufrir...

-Levámolo facendo toda a vida. Desde os gregos a xente paga por ver traxedias, é algo catártico.

-Pero houbo un tempo e un público que buscaban evasión.

-O teatro adáptase a todo, pero ten que ser entretido, ten que captar a atención do espectador. Iso non significa que teña que ser intranscendente, ten que interpelar e tratar de cambiar o mundo. Para iso funciona moi ben. É unha ferramenta didáctica de primeira orde.

-Cee, onde vostede vive e traballa, ten moi longa tradición teatral.

-Si, Talía está a facer un traballo boísimo. Ademais están levando as escolas de teatro de varios municipios.

-O texto teatral ten como finalidade ser representado?

-Entendo que si. Cando eu leo teatro imaxino a pista en escena. Non sei se é porque traballo neste ámbito ou que teño esa deformación, pero creo que non se pode desligar das táboas.

-Sente que perde o control como autor cando se representa algúns dos seus textos?

-Aínda non tiven a experiencia de que se representase ningún dos meus textos sen que eu estivera detrás, como director ou involucrado dalgún xeito. Cando escribo, aínda que saiba que vou dirixir, fágoo de maneira moi neutra, para permitir a creatividade dos outros.

-Iso é un acto de xenerosidade.

-É un acto necesario. O teatro é un traballo en equipo. O produto sae dos cerebros dos que participan. Non é unha cuestión de escribir un texto, senón de representalo.

«É difícil ser autor independiente, non ter unha compañía profesional»

«Cando escribo, aínda que saiba que vou dirixir, fágoo de xeito neutro»