«Hamlet»: Vimos Hamlet con outra mirada

FIOT | Crítica teatral | Programa de Sala | «É unha peza que ensina, de forma moi intelixente, a ver teatro coa nosa fantasía, cos seus cadros visuais», di José María de la Viña


FIOT: festival INTERNACIONAL de outono de teatro. O i de FIOT xustifícase con compañías coma a do domingo. Eles son portugueses. E veteranos do noso festival. Sempre me gustaron, e desta vez tamén.

Nunha ocasión un artista contábame que para apreciar e saborear mellor os valores dunha manifestación artística, convén ter algún tipo de coñecemento ó respecto. Son referencias. Algo así tamén quería dicir coa aquela anécdota que contei hai uns días, de Einstein e o xornalista. Para resumir: se non sabes o que é unha roda, como che vou explicar o que é unha bicicleta? Todo o mundo oíu falar de Hamlet, aínda que algúns coñecen a historia con algo máis detalle que co de «Ser ou non ser». Pois estas persoas son as que máis gozaron do espectáculo do domingo. Como unha premonición, repasei a sinopse de Hamlet, mais os nomes e papeis de cada personaxe antes da representación. E foi un acerto, porque o que vin despois, deixoume abraiado: calcaron o texto completo da historia a contar, con algúns pequenos engadidos, como licenza da adaptación ós tempos de agora; a versión dos feitos. Realmente sorprendente: se había algún cego no patio de butacas, puido, moi ben, seguir as historias de mortos e envelenados, que alí discorrían. A historia non cambiou nada, si a roupa coa que foi vestida.

No escenario... nada. Pero nada. Negrura. Os panos negros, e o chan liso. Iremos enchendo pouco a pouco. Que como estou? Pois curioso, moi curioso de coñecer que tipo de versión van facer deste título tan identificativo do teatro de etiqueta: Hamlet.

E desta nada, fíxose... o teatro.

Cóntolles: unha compañía moderna, traxes de chaqueta grises, e unhas cantas garabatas de múltiples (e imaxinarios) usos, deciden facer unha obra de teatro. Collamos un texto clásico representativo. E respectando as personaxes e a historia, recreamos unha posta en escena teatral, coas figuras propias do texto. Cos seus recursos de escena. Horacio, Polonio, os Hamlets, Ofelia, Laertes, e todos están aí. Pero non vos creriades (se non estivestes alí) de que xeito. Imaxinade as Señoritas de Avignon, cando Picasso decide pintalas: resultan personaxe imaxinarios, oníricos, pero prendidos da súa esencia. Símbolos, deseños que hai que interpretar. Pois aquí ocorre o mesmo: poñedes este filtro do cubismo ou do impresionismo ós personaxes de Hamlet. E coa arte, creatividade e imaxinación destes magníficos intérpretes, Chapitô vainos debuxando, como quen move un pincel no aire, cada un dos personaxes, e asemade, contando rigorosamente a historia do Príncipe de Dinamarca, desde o punto de vista de un hoxe que compartimos: sentimos o tráfico da rúa, «vemos» a porta xiratoria, o ascensor, os pases electrónicos, as espadas... símbolos, símbolos, símbolos. Pero recibimos a historia completa, mais cun novo e fantasioso decorado.

Se non coñeces o texto, a historia de Hamlet, vaiche custar máis traballo comprender o mérito das interpretacións. E aínda coñecendo chegas a sorprenderte. A peza está chea de frases que deviñeron en famosas. Ademais da mítica «Ser ou non ser», está no acto II, escena 2, a resposta de Hamlet a Polonio sobre que está a ler: «Palabras, palabras, palabras...», que se fixo famosa para quitarlle ferro a algunha afirmación, e que máis tarde sería a letra principal dunha canción italiana moi coñecida «Parole, parole, parole...» e que con eses mesmos termos, foron pronunciadas na representación de hoxe. Coñecín este detalle hoxe. Non o sabía. Interesante.

É de destacar o esforzo creativo e imaxinativo desenvolvido pola compañía (non sei se polo director, ou polos intérpretes), e sobre todo a habilidade para ensinar ó público as claves para comprender eses debuxos, eses bosquexos. Non hai mensaxe, non é preciso pensar. A mensaxe é a de Hamlet, máis o que cómpre valorar hoxe aquí, son eses debuxos e pinceladas que Chapitô alcanza a amosarnos, que son fantásticas, con mérito dramático de seu. É unha peza que ensina, de forma moi intelixente, a ver teatro coa nosa fantasía, cos seus cadros visuais. Os obxectos póñenos eles, mais o escenario está espido. Parabéns Chapitô, por seres quen de facernos ver Hamlet con outros ollos, con outra mirada.

Este ano FIOT está que se sae.

A mais ver, miñas donas, meus señores.

Teatro en Radio Voz: el grupo Fútbol galego interpretó «O entreno»

Un buen número de grupos llegados desde el CPI Cabo da Area de Laxe participan este año en el XIX Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, cuyas obras aspirantes son emitidas diariamente en el programa Voces de Bergantiños, cada mañana (10.00 a 12.00 horas) en Radio Voz. Ayer fue el turno del grupo Fútbol galego, del centro educativo laxense, cuyos tres integrantes interpretaron la obra O entreno.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

«Hamlet»: Vimos Hamlet con outra mirada