Manuel Garrido: «A Costa da Morte é un territorio moi importante na tradición xacobea»

Santiago Garrido Rial
s. G. RIAL REDACCIÓN / LA VOZ

CARBALLO

MERCE ARES

O historiador e estudoso do Camiño falará o venres en Vimianzo nun simposio sobre a translatio do Apóstolo

23 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Garrido Rivero é de Segovia, pero leva dende os 14 anos en Galicia (ten 55), afincado en Padrón. É un experto (el defínese como «estudoso») do Camiño, ademais de historiador, e estando como está en Padrón coñece ben as pegadas do Apóstolo: xa se sabe (é o que di a lenda, a tradición) que o seu cadaleito chegou ata esta localidade antes de ser levado a Iria Flavia, despois ata Compostela, e o que pasou dende entón ata hoxe xa é máis ou menos coñecido.

Manuel Garrido, nomeado precisamente o ano pasado peregrino de honra en Padrón, será o encargado de abrir, este venres en Vimianzo, o simposio A translatio e os camiños de Santiago na Costa da Morte, dentro do programa O teu Xacobeo da Xunta, que se vai desenvolver na Casa da Cultura. Está especialmente ligado a representación da translatio que recolle o tímpano da porta lateral da igrexa de Santiago de Cereixo.

-Vostede falará sobre «A translatio, principio do Camiño». E máis en detalle?

-De xeito sinxelo, sobre a tradición xacobea, do que se conta. Dos restos do Apóstolo, que despois de ser asasinado en Jaffa (Palestina), foi trasladado a Iria Flavia, en Padrón. E de alí, por problemas de seguridade (incursións viquingas, do norte de Europa) foi levado a Santiago de Compostela. Tamén falarei de que Santiago, en vida, veu predicar a varios lugares de España. Entre eles -contra a tradición- ao Santiaguiño do Monte de Padrón. «Irás predicar aos confíns da terra», relatan os textos. E veu. Así que, despois de que o decapitaran, trouxérono de novo ao lugar no que evanxelizou. Falarei un pouco diso: de quen foi, onde naceu, o tempo que estivo en España, a translatio...

-Hai referencias da Costa da Morte nese seu periplo.

-Claro! A Virxe da Barca, nada menos. A Pedra de Abalar e o seu entorno, nese encontro que se fala coa Virxe. A Virxe chegou alí na barca e estivo con Santiago, para apoialo na súa tarefa, a de predicar nesta terra. Estivo polos anos 30 ou 40. A Costa da Morte é un territorio moi importante na tradición xacobea, hai moita relación: Fisterra, Muxía, Duio, tamén a raíña Lupa. Era un territorio moi alonxado, e iso tamén contribúe á lenda.

-Cre que se coñece abondo a tradición xacobea?

-Con todo o que ten que ver co Camiño hai moitas lagoas. Dende o ano 1993, co traballo que fixo Fraga, Portomeñe.... que foi importante, sábese moito máis. Pero non é só iso, hai un labor importante detrás, de moitos anos de xente como José Antonio de la Riera, Antón Pombo. Hai moita documentación e, si, tamén, aínda moito descoñecemento. Hai xente que cre que o Camiño é un invento que ten 800 anos, sen máis, que non saben cal é a orixe. Pois de todo iso falarei eu, de xeito didáctico e divulgativo, para coñecer todas as lendas e datos sobre este tema.

-Lendas, dende logo.

-E feitos. Eu son un defensor da translatio. Puido facerse. Había barcos, rutas marítimas... Podíase trasladar o corpo embalsamado. Hai moitos estudosos que o defenden, e puido ter pasado perfectamente.

-E o Camiño? Remata en Santiago ou en Fisterra e Muxía?

-A meta do Camiño é a catedral. Pero hai prolongacións. Os peregrinos facían o seu camiño máis aló: ata Fisterra, e Muxía, e tamén Padrón, que existe documentación sobre isto.