
«Candorcas e unicornios» e «O lado do que dormes» xa se poden conseguir nas librarías
22 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Xa non dun en un, senón de par en par lanza a ceense María Canosa as súas producións literarias. As máis recentes, Candorcas e unicornios (Galaxia) e O lado do que dormes (Xerais), experimentando neste último coa narrativa para adultos.
«Candorcas e unicornios» • Galaxia • A partir de 12 anos • Con ilustracións de Iago Torres París, aporta Canosa unha fábula na que natureza, mar e fantasía van da man. Unha historia que entretén, pero que tamén lanza unha mensaxe importante a través das súas páxinas, unha historia que fai pensar a quen a le. Coa dedicatoria que figura ao inicio da peza pode un facerse á idea do que lerá máis adiante: «A ti, que es diferente e saberías ser candorca ou unicornio». Non está de máis lembrar que na diferenza radica a verdadeira beleza.
«O lado do que dormes» • Xerais • Nova «filla literaria», como ela mesma a describe, mais neste caso un chisco especial. Tras Faíscas, DisParo, Non é París e Cando cae a luz, María Canosa mergúllase de novo na narrativa para adultos cunha peza na que reivindica a fortaleza da muller. «A unhas sáelle pola boca, polos brazos. A outras méteselles dentro e móveas de maneira instintiva. Hai a quen lle custa atopala, sacala á luz. Pero ao final sempre acaba por saír. Ás veces o detonante é o simple feito de decidir o lado do que dormes. Ás veces hai que deixar de resistir». Unhas follas cheas de mensaxes.