«Todas hieren y una mata»: Sen tempo para o aburrimento

José María De La Viña Varela

CARBALLO

BASILIO BELLO

FIOT | Crítica teatral | Programa de sala | «Unha obra informal e simpática, nada complicada de entender e [...] amable co espectador», cre José Antonio de la Viña

04 nov 2019 . Actualizado a las 22:32 h.

Ensinar, entreter, divertir, pensar.

Deixádeme que vos diga o que vin. Deixádeme que vos conte como o sentín. Ben: pasamos de dúas interpretacións serias, dramas de pensar, á de hoxe [sábado], que é unha peza moito máis sinxela e amena: humor e diversión.

Pola súa composición, unha versión de Ron Lalá, compañía farto coñecida do público do FIOT. Imos ver unha especie de experimento, unha ficción , onde supostamente aparecen os papeis dunha obra de teatro, cuspidiña aos dos Currais da Comedia, do Século de Ouro. E por efectos da maxia, un enredo de amor entre rivais vello-novo, máis a rapaza mona, son trasladados ó século XXI, con todo o que iso pode representar. En realidade unha desculpa para amosar un contraste entre os costumes de antes e de agora. Dicía hai uns días que o teatro debe ensinar, entreter, divertir e facer pensar. Cada unha destas partes coa súa correspondente dose, diferente, segundo o caso. Coido que, neste eido, vai cumprir de sobra: hoxe toca entreter e divertir. Para pensar, xa foron as anteriores.

O escenario pretende emular timidamente ó dun teatro antigo, ó uso. Así que, pasen señoras e señores! E tenten, por tódolos medios, pasalo ben. O feito de representar, como na época, baixo o formato de rimas e versos, ten un plus de dificultade. Pode resultar pesado para un público máis afeito á narrativa en prosa. Pero esta compañía, amosa unha disposición incrible cara a representación en verso. Como na época de Lope ou Calderón.

O espectáculo (porque iso é o que é), está garantido. Coa axuda dun vestiario moi coidado, dunha estupenda e importante iluminación, a música en directo, e sobre todo unha redonda interpretación, semellante á Teatro de la Comedia (italiano) que está preñada de axilidade. Porque se algo se advirte moi claramente aquí, é a vertixinosa velocidade de como van pasando as escenas. Desde logo, non será polo ritmo. Non dá tempo para o aburrimento. Non dá tempo de mirar o reloxo. Se alguén entende a importancia do ritmo e a velocidade no teatro, é esta compañía. Auténtica lección de como moverse polo escenario.

Non cabe dúbida de que, se algún personaxe puidera viaxar ó futuro, e vira á xente cos seus vestidos, paseando coas súas luces nos fociños (móbiles), ía quedar abraiado de seu.

O elenco amosa un prolixo conxunto de detalles (fixástesvos na flor branca, iluminada polo raio do foco de luz?) e recursos escénicos, que é moito de agradecer, e reforzan a súa calidade.

É unha obra informal e simpática. Nada complicada de entender. Conséguese, realmente, unha peza amable co espectador; moi sinxela, e coas mesmas artes e vimbios que no Curral da Comedia do século XVI. Estou convencido que esas representacións deberon ser moi semellantes a esta. Un descanso para todos.

As facianas do respectable, ó remate da obra, sorrían moi compracentes diante deste traballo. Queda todo dito. Ata mañá, pois.