As historias que atopei tralos espellos

Pablo soto videla / pibe

CARBALLO

ANA GARCIA

En primeira persoa | Pablo Soto, Pibe: «Cada moble garda unha historia que me contan os seus propietarios e que eu recollo para a miña memoria»

20 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Yo acá nunca estuve» (con acento de neno arxentino) foron as miñas primeiras palabras en España. Corría o ano 1980 e meus pais, Manuel, da casa do Roel do Bidual na parroquia de Nantón, e Hilda, da casa da Trilla da Piroga na parroquia de Bamiro, retornaban a Galicia despois de emigrar, como tantos outros, nos 50 a Uruguay, país no que naceu meu irmán Antonio, e logo a Arxentina, onde nacín eu. Meu irmán foi o primeiro «Pibe» en Baio, pero cando eu tiña 10 anos un primo meu (vendo como xogaba ao fútbol no colexio) alcumoume tamén «Pibe». De aí que me chamen todos así. E é que por aquel entón estaba de moda o mellor xogador que eu vin nunca e todos viámonos xogando coma el.

No lugar de A Piroga (Bamiro, Vimianzo) é onde sempre vivín e tamén onde de rapaz xogaba cos meus veciños Josi, Richard, Chema, Sandra, Yolanda, Marta e Lorena a unha morea de xogos. Desde partidos de fútbol no campo do señor Antón do Xastre ata carreiras de bicicleta ata a igrexa de Bamiro, partidos de tenis na estrada que pasa diante das nosas casas e que vai a Baíñas (daquela era menos transitada) ou ao golf na eira dos meus avós e moitos máis . Sempre dependiamos de que deporte estaba de moda por aqueles días na televisión .

Tamén por aqueles anos da miña nenez, en Baio era costume ir aos festivais que Adro e Badius organizaban por fin de ano. Lembro aquelas obras de teatro no vello cine Pomares (hoxe desaparecido) e véñenseme á memoria moitas das representacións que alí se facían e dos actores que daquela comezaban a cimentar o teatro na vila (aínda que xa se fixera teatro antes). Teatro que grazas a Ricardo, Alberto e Mari Carmen segue adiante despois de 35 anos (cúmpreos o grupo a finais deste 2019). A miña paixón polo teatro vén deses anos e onde, tempo mais tarde, tiven a oportunidade de debutar con Badius cunha personaxe nunha obra titulada Eu non fun (1998). Logo viñeron Xoo... ante o perigo, Tócama, Sam, Veleno por caridade, Bancagare, Facer o sueco, Fránkenstein cun bo número de representacións, quilómetros percorridos por media Galicia e, sobre todo, moitas amizades colleitadas dentro e fóra do grupo. Grazas ao Concello de Zas e a Teatro Badius creáronse as escolas municipais de teatro infantil (da que somos monitores o meu compañeiro en Badius, Marco Álvarez, e máis eu) e a de adultos (da que son director) e onde xa levamos uns cantos anos creando canteira de actores e actrices dos que me sinto moi orgulloso.

O teatro non foi a miña única afección, xa que tamén fun gaiteiro na A.C Adro a finais dos 80 formando parte do primeiro grupo de gaitas que tivo asociación cultural. Ademais, xoguei nos equipos de fútbol de Baio e Nantón a principios dos 90. Pero eu era máis de fútbol sala . Cheguei a xogar en tres ligas diferentes na semana e algún que outro maratón. Pero aquela «pedra» no meu camiño que deu comigo hai 11 anos fixo que deixara de practicalo.

A miña outra gran paixón é a miña profesión, que é a restauración de mobles e a carpintaría, paixón que me vén do meu pai, pois el foi carpinteiro toda a vida. Gústame darlle unha segunda vida aos mobles antigos (hoxe que está de moda empregar mobles en kit) . Mesas, chineiros, armarios, mesiñas, cadeiras, camas... e moito máis teño restaurado. Ata teño atopado algunha mensaxe escrita nalgún deles ou recortes de prensa moi antigos detrás dos espellos e que lle poñían para protexer da humidade. Cada moble sempre garda unha historia que me contan os seus propietarios e que eu recollo para a miña memoria. Son historias de aquí e de sempre e que nos conectan cos nosos antepasados. De aí que, no meu día a día , compaxine o teatro e a carpintaría.