«Jauría»: Sen engadir nin inventar ren

FIOT | Crítica teatral «Jauria», de El pavón teatro kamikaze (domingo, 13) | «Abofé que nesta peza hai emoción a moreas. Se cadra de máis, pois esta situación tan especial trascende ó teatro»


Non cabe dúbida de que o tema esperta un grande interese: ademais do abarrote da platea, percibo unha clara maioría feminina no patio de butacas, malia que isto xa era, de seu, unha constante no teatro: pode que as donas teñan, declaradamente, unha maior sensibilidade para o mundo da arte.

E mira ti por onde imos a asistir á representación dunha obra, onde destaca con moita evidencia, o tema, o texto: a historia tan trillada polos mass media, da Manada. A novidade é que a inmensa maioría (¿a totalidade?) dos asistentes xa coñecen de pé a pa este texto; e de mil maneiras, voltas e reviravoltas. Non vai haber sorpresas; non hai nada novo que contar. Sabémolo con todo detalle. ¿Que queda pois? Supoño que os restos dos atributos dun bo prato, seguindo o exemplo culinario que vos puxen na anterior crítica. Pero, pesa tanto a historia, é de tal alcance, que dubido moito que hoxe a xente veña a ver teatro, no sentido explicado. Máis ben paréceme que vén a confirmar a maldade que se lle supón ós da Manada, e que cada un pensa. ¿Morbo? É máis: está representado; os feitos están representados. O cal aumenta a crispación, a carraxe, o malestar. E se a interpretación é boa ou non, tanto ten. E se a montaxe está atinada, que máis dá! Non me vou decatar. E así co demais.

Ata a min, que só veño a esta sala a ver teatro, resúltame moi complicado, non verme envolto, non sentirme atafegado por tanta ignominia e aldraxe, fronte a un ser humano, por outros seres humanos. Se cadra teño un nivel de empatía moi alto, pois sufro sobradamente con situacións deste calibre. Apago o son da TV, cando diariamente, no telexornal, van degraendo, unha tras outra, as novas relacionadas coa violencia de xénero.

Gran desacougo

Prodúceme un gran desacougo, e faime sentir moi incómodo ter que asistir a este tipo de violencia. Sentín o peso do acoso ó ver a eses homes asediando á rapaza. E logo, máis tarde, ós avogados da defensa, e ós xuíces de Pamplona, remedando, desde o seus altos cargos, ós compoñentes da Manada: que inmenso desacougo xera tal representación. Penso que non foi casualidade que os intérpretes dos avogados e maxistrados, foran tamén os actores da Manada; do mesmo xeito que a fiscal, fora a mesma actriz que fai de vítima. Falaba, o outro día, da emoción do teatro: abofé que nesta peza hai emoción a moreas. Se cadra de máis, pois esta situación tan especial transcende ó teatro. E penso que ten un aquel de sensacionalista, de oportunismo. Teño a incómoda sensación de asistir a unha manipulación dos sentimentos do respectable. É ben doado! Se non fora porque a dirección da obra foi levada por un dos directores de teatro que maior admiración me produce, Miguel del Arco, no espectro do teatro contemporáneo actual, pensaría que foi un recurso fácil para encher o patio de butacas...

Por iso, por Miguel, si había teatro. Non é das mellores obras que eu lle vin, pero notábase a súa man. As interpretacións estaban moi coidadas. E dábanlle máis forza, se cabe, á tremenda sensación de inxustiza do alí representado. Os movementos estaban primorosamente pensados. Gustoume o bater das cadeiras contra o chan, ou o xogo interpretativo que dan as palmas, indican a sensibilidade e dramaturxia de quen está detrás. O mérito é que todo o texto son retallos dos informes, declaracións e proclamacións públicas deste proceso, segundo unha declaración de principios enunciado ó comezo, sen engadir nin inventar ren. E dos emotivos «yo sí te creo», oportunamente incrustados.

Non mirei o reloxo, que é unha maneira de medir a inconsistencia dunha representación teatral. Mais fóra da incomodidade que me produce o tema, e aínda tendo en conta que non foi a máis maxistral das obra de Miguel del Arco, gocei coa sesión de hoxe. Que era do que se trataba, ¿non? Cada un, á súa maneira.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Jauría»: Sen engadir nin inventar ren