Sandra Insua: «A xeoloxía pode ser un activo para a promoción turística da Costa da Morte»

«Temos moito patrimonio sen descubrir, sen catalogar... Iso animoume a coller a presidencia», engade a alcaldesa de Camariñas e presidenta do Xeoparque Costa da Morte


Carballo / La Voz

Sandra Insua Rial (A Ponte do Porto, 1976) foi elixida este venres por la tarde en Laxe presidenta do Proxecto Xeoparque Costa da Morte, cargo que compaxinará co de alcaldesa de Camariñas. Substitúe no posto ao laxense José Manuel Pato González, un dos impulsores da iniciativa hai un par de anos. Sandra Insua avanzou que a acompañará nesta aventura a súa homóloga vimiancesa, e tamén socialista, Mónica Rodríguez, quen a partir de agora exercerá labores de vicepresidenta.

-Quen llo diría hai cinco meses: alcaldesa con maioría absoluta e agora presidenta do Xeoparque Costa da Morte.

-Antes de ser alcaldesa andaba máis no pobo, levando Cultura, Deportes, a Mostra, Servizos Sociais... E Pichurri estaba máis na Deputación e a Xunta. Agora tócame a min andar máis por fóra. E con respecto ao do Xeoparque, este venres houbo en Laxe unha asemblea e propuxéronme que encabezase este proxecto. Pequeño [alcalde de Dumbría] ten moito traballo na Deputación, Mónica [rexedora de Vimianzo] e Margot [mandataria de Cee] non teñen maioría absoluta e Iago [Toba, de Muxía] é o presidente da CMAT. E no meu caso, teño fillos e o traballo da alcaldía require de moito tempo e esforzo. Pero os que estiveron na asemblea entenderon que un alcalde debería presidir o Xeoparque e propuxéronme. Creo que hai que facer comarca, ou eu o entendo así, e por iso dixen que si á proposta.

-Pensouno moito?

-Un pouco, porque o traballo de alcaldía leva o seu tempo, teño familia..., pero si que falei co que era o presidente [José Manuel Pato], cos técnicos en xeoloxía, e cos demais compañeiros e o que buscan é que, ao través da presidencia, se poidan acadar axudas das diferentes Administracións para darlle un impulso ao Xeoparque.

-Vai con vostede Mónica Rodríguez?

-Si, virá comigo e será a vicepresidenta.

-O Xeoparque Costa da Morte ten moitos retos por diante. Xa ten algunha idea?

-Na asemblea celebrada en Laxe quedou claro que este proxecto é algo novo, diferente e creo que ten futuro. Hai que apostar por el. O feito de que apareceran canóns en varios puntos da comarca, tamén animoume un pouco a coller a presidencia. Temos moito patrimonio por descubrir, sen catalogar, moitos pecios aínda por descubrir...

-O Xeoparque Costa da Morte é algo novo, no que soamente están os tramites xurídicos e administrativos feitos.

-Si, está no rexistro de patentes e marcas, están feitos os trámites administrativos, hai local, pero non hai cartos.

-E aquí, supoño, entra vostede en escena.

-Nos vindeiros días convocarei unha reunión para entrar máis en detalle da situación da entidade. Primeiro, para coñecer aos que conforman a directiva e, segundo, para ver por onde podemos comezar a traballar e darlle un impulso.

-Fálase de crear unha páxina web

-Si, na xuntanza de Laxe falouse da necesidade de dar a coñecer o Xeoparque, pero eu quero tamén falar cos expertos, como Juan Ramón Vidal Romaní ou Miguel San Claudio porque eles son os que entenden deste tema desde o punto de vista técnico. E quero traballar de forma consensuada con eles. En todo caso, o importante e poñela andar e conseguir financiamento ao través da Deputación, da Xunta de Galicia.

-Polo menos xa teñen os rexistros, as patentes e 17 concellos que avalían o Xeoparque...

-O primeiro é poñerme ao día porque non son experta en xeoloxía. O único que teño é a miña experiencia en política para poder petar nas portas. Co asesoramento técnico, neste caso de Vidal Romaní e Miguel San Claudio quero acadar ese apoio institucional que tanta falla fai. Tamén quero agradecer o apoio que tiven este venres de todos os alcaldes, tanto dunha cor como doutra, foi algo unánime e iso é de agradecer.

-Agora tocaralle introducirse no mundo da xeoloxía

-Si, e niso conto co apoio dos técnicos para saber qué é o máis importante e por onde podemos tirar.

-En Laxe falouse de incorporar ao Xeoparque o Museo do Patrimonio Subacuático.

-Si e creo que ten que ser así. É agora mesmo unha das cousas máis importantes e, sobre todo, para evitar o espolio dos pecios e protexer todo o atopado como os canóns...

-Hai moitos activos que protexer como O Monte Pindo, Os Penedos de Traba e Pasarela...

-O Monte Branco... Soamente hai outros dous xeoparques en Galicia: o dos Ancares e o de Estaca de Bares. A xeoloxía pode ser un atractivo turístico se se sabe traballar ben.

-Sería prematuro falar do Xeoparque Costa da Morte na vindeira edición de Fitur en Madrid.

-Non. De feito na asemblea de Laxe do venres xa falamos de crear un vídeo a vista de dron de todo o litoral da Costa da Morte. O que queremos é darlle forma a todo, pasiño a pasiño con tranquilidade e co asesoramento dos técnicos. Cando se empeza de case de cero é mellor ir amodo e facelo ben e non precipitarse e caer en cousas que logo resultan imposibles. Agora a prioridade é dar publicade ao Xeoparque Costa da Morte e logo iremos vendo en cousas máis concretas. Mónica [Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo] animouse a vir comigo de vicepresidenta precisamente polos seus Penedos de Pasarela e ao mellor tamén podemos facer algo, pero repito, sempre dende o consenso cos técnicos que son os que saben destes temas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Sandra Insua: «A xeoloxía pode ser un activo para a promoción turística da Costa da Morte»