«Juguetes Rotos»: Que delicadeza, que fermosura!

CRÍTICA TEATRAL, FIOT: «Juguetes rotos», de Produccións Rokamboleskas (venres 13)  | «Expresa os sentimentos desa parte da sociedade anónima, que non existe, que está calada, esquecida»


Ah!, que delicadeza, que fermosura, canto me gustou! Vou encetar a miña crítica descubrindo, de penalti, a miña opinión. Como unha especie de desafogo, sen agardar ó final, como teño por costume.

Para axudarvos a comprender, mesmo a sentir mellor as obras de teatro, permitídeme que vos poña un exemplo. Unha peza de teatro, vén sendo como un prato de cociña: é importante o que comemos (peixe, carne...) que se corresponde co texto. A posta en escena, que equivale ao vestido que levas. A música e a luz que semellan o perfume que te botas. O ritmo que poderiamos comparar coa dozura ou amargura. A interpretación, como o sal do prato. E así con todo. Non nos podemos pasar co tempo de cocción, nin co sal, nin cos condimentos. As patacas vanse notar, se non son de Coristanco, máis outros aditamentos, que poden ou non acaer ben (a min non me gusta o comino, nin en xeral especia algunha, por exemplo). O mesmo ocorre coas pezas teatrais: por unha parte poñer moito ou pouco dun aditamento, vai influír no sabor final. Pola outra, o mesmo prato, vaille gustar ou non a cada comensal, segundo aprecie máis a comida salgada ou condimentada, ou...

Baixo estas premisas, pasemos agora a analizar a peza de hoxe: Juguetes Rotos. O texto xa ten o seu mérito (de feito parece ser que non tódolos centros de interpretación quixeron dar conta dela). Por atrevido e difícil de salientar: o case invisible mundo dos homosexuais ou trans. Tema delicado, que non soe ser de fala frecuente. Esta peza gustoume, porque expresa os sentimentos desa parte da sociedade anónima, que «non existe», que está calada, esquecida, oprimida, invisible... Agora chámanlle gais ou/e trans. Expresa os sentimentos, digo, pero desde dentro. Un auténtico test para empatía de cada quen.

O pano aberto, cando chegas. Gaiolas, gaiolas, gaiolas. Moitas gaiolas, supostamente baleiras, orfas de inquilinos. Pero non... Ben iluminadas; ás veces claras, outras escuras. En cada caso para salientar algo. Unha música ou acompañamento sonoro, moi axeitada e apropiada, abrangue cada escena. Ese é o perfume.

Hai plumas no escenario. Encántanme os diálogos entre os personaxes, significados por Nacho Guerreros e Kike Guazas. Ambos fabulosos intérpretes (un pouco máis notable o vistoso personaxe de Kike), merecente-los dous, de nomeamento a mellores actores nos Premios Max. Concordo plenamente. A súa interpretación é magnífica. Xorden os diálogos con notoria fluidez, e naturalidade. Co ritmo e cadencia con que se pronuncian as palabras nunha poesía, así mesmo nos presentan as súas escenas eles dous. Que beleza, que harmonía!, que gozada! Con notable axilidade múdanse as escenas, sen interrupcións. A calidade interpretativa é impecable, malia que Nacho fai, ao comezo, un personaxe algo gris e pesado. A elegancia, delicadeza, o savoir faire dun espírito homosexual, queda moi ben aquelada na obra. Normalmente quedo sen moito que dicir noutras interpretacións. Non é o caso hoxe: sensacionais. Unha execución exquisita. Exquisita e delicada manifestación de masculina feminidade (ou ao contrario). Claro que gran parte do mérito, cómpre dicilo, atinxe á súa directora, Carolina Román. Bordouno.

Le monde des sens. Con que facilidade visten o que vén sendo o nó da obra (como demo fixeron para que a gaiola-lámpada comezase a oscilar?).

«Socorro, socorro, socorro!...» única e angustiosa expresión no silencio e negrura do espazo escénico. Bela metáfora das gaiolas abertas, como as portas dun armario. Liberdade.

Comprenderedes, á fin de todo, que a comparación culinaria vén moi a conto para entendermos unha peza teatral, para comprendela, gozala, e mesmo por que a uns si, e a outros non lle agrada. Enxergar e percibir cada parte, contribúe a apreciar mellor ou peor, todo o conxunto.

Contan que un periodista lle preguntou a Einstein, se podería explicarlle a teoría da Relatividade. Ao que o insigne científico respondeulle coa pregunta de se el era capaz de explicarlle como se frite un ovo. O periodista, sorprendido, contestoulle que si podía, claro, explicarlle como se frite un ovo. Einstein, entón, díxolle: pois logo explíquemo a min, pero tendo en conta que non sei o que é un ovo, nin unha tixola, nin o aceite, nin o lume. A ensinanza moral é que é preciso coñecer certas cousas, para valoralas mellor, para gozalas plenamente. Se non as coñeces, é difícil comprender o conxunto.

Deille a máxima nota. E internamente, o meu agradecemento polo traballo ben feito.

Bo día, teñan vostedes.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Juguetes Rotos»: Que delicadeza, que fermosura!