Tonecho, orgulloso posuidor do carné de socio número 1 do C. D. Baio

In Memoriam | Faleceu José Antonio Martínez Romero, de A Piroga (Bamiro, Vimianzo)


Con tristeza recibín a mala nova do falecemento de José Antonio Martínez Romero, Tonecho, con quen, malia a diferenza de idade, me unía unha longa amizade. No ámbito futbolístico, dicir que era posuidor do carné nº 1 do C.D. Baio, e que fora un dos xogadores que formaran parte deste equipo na temporada fundacional da Liga da Costa (1963-1964). Tonecho, natural na Piroga (Bamiro), iniciou a xeira de xogadores (e directivos) bamireses que nunca faltaron nas ringleiras do club baiés.

Tonecho fora un dos meus mellores informadores para o libro «Historia do C.D. Baio e da Liga da Costa» (1989), libro pioneiro das historias futbolísticas. As súas anécdotas como xogador amenizaron e adestrador («alineador», dicía con sorna, «porque daquela nunca se adestraba») e enriqueceron non só aquela publicación, senón a enciclopédica “50 anos da historia do fútbol da Costa” (2015), de Xosé Mª Rei Lema e quen subscribe. Anécdotas graciosas súas enchen ó completo as páxinas 59 e 60 deste libro.

Tonecho tamén tivera unha participación directa na creación do mítico farol vermello do Baio (p. 68), que acabou sendo un trofeo simbólico para «premiar» o fechacancelas da Costa ó final da liga, pero tamén acabou sendo un símbolo da deportividade. Eran os anos de ferro do C. D. Baio, cando non había máis medios cós poucos cartiños que achegaban os sufridos directivos e mesmo algún xogador. A cesión gratuíta do Campo do Balsiño pola señora Lucinda Varela de Morgade favoreceu a subsistencia do club.

A cultura, punto de encontro

Como non todo vai ser fútbol, cómpre salientar que a cultura tamén fora un punto de encontro entre os dous. El valorábaa moito e, en podendo, nunca faltou a ningunha das presentacións de calquera dos meus libros na comarca. Debe telos todos, e asinados. E, xunto coa súa dona, procurou asistir a calquera conferencia miña -supoño que tamén doutros-, particularmente as (non poucas) que tiven en Laxe nos dous últimos anos, convidado polo activo concelleiro Xosé Manuel Pose- sobre temas diversos. A súa rigorosidade levouno a chamarme amablemente por teléfono para corrixirme ou precisarme algún dato (a última chamada -xa derradeira, por desgraza- que recordo fora sobre a Casa da Fábrica da Piroga da súa familia, da que se fala no libro colectivo «O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira» (2019).

Motu proprio, José Antonio tamén me levou a entrevistarme cos seus tíos da Cacharosa. Primeiro co polígrafo Francisco Romero Lema, poucos meses antes do seu falecemento, en 1972. Anos máis tarde co seu irmán Maximino, en setembro de 1995. A raíz deste encontro, o arcebispo preocupouse de xuntar as papeletas extraviadas de don Paco sobre o léxico da comarca, e grazas a iso Xosé Mª Rei puido publicar o «Vocabulario de Soneira» (RAG, 2010). Non cabe dúbida de que a mediación de Tonecho foi ben frutífera.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

Tonecho, orgulloso posuidor do carné de socio número 1 do C. D. Baio