Allóns, Allones, Anllóns

Xosé Pumar Gándara

CARBALLO

11 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando este servidor ía á escola (1938-1941) tiñamos unha lección de xeografía que rematabamos cunha cantinela: «El Eume y el Allones van directamente al Atlántico».

Xa por 1942 puiden ver a Geografía General del Reino de Galicia (Carreras Candi). Lamento que non teña data de edición, pero foi polos anos 1925-1930 cando saíu de prelo esa prezada obra, reeditada nos nosos tempos. No segundo tomo dedicado á provincia da Coruña, o erudito Uxío Carré Aldao (1859-1932) describe o partido xudicial de Carballo, con referencias polo miúdo aos seus concellos e parroquias. Foi onde vin o nome de Anllóns para o río de Bergantiños. Título saído da pluma e imaxinación poética de Pondal Abente (1835-1917). Carré e Pondal eran contertulios na Cova Céltica, na Coruña. Carré non podía optar por Allones, que era un manifesto castelanismo. Por tanto, a decisión tiña que ser por Anllóns, voz que tiña un patrocinador, Pondal, palabra que facilitaba unha etimoloxía que tería boa acollida nos eidos especializados.

Quedaban así superados dous séculos de Allóns (XVI-XVII) e un de Allones (XIX). Pero este segundo é reducible ao primeiro, e disto temos falado en La Voz de Carballo no 17 de setembro de 2019.

Anllóns, como Queixumes, son voces pondalianas, como esperpento é de Valle Inclán e gregerías de Gómez de la Serna.

Agora ben, Carré Aldao tivo que ver que o seu relato sobre Bergantiños levaba un mapa do partido xudicial de Carballo (páxina 25) no que lemos Allones. E tamén, entre as páxinas 136 e 137, o plano da vila carballesa, dado polo Concello, no que figura río Allones.

Haberá cinco anos publicouse Comarca Natural de Bergantiños, que foi a tese de doutoramento na USC de Salvador Parga Pondal, galeguista de recoñecida raigaña na ciencia bergantiñá. Non leva data de cando Parga Pondal leu a súa tese na facultade de Filosofía e Letras, pero pensamos que sería pouco despois de acadar a licenciatura. Viviu entre 1899 e 1968, polo que poñamos que sería doutor polos anos 1925-1930. Estamos, pois, en datas de publicación da Geografía General del Reino de Galicia. Pois ben, Parga Pondal emprega en todo o seu traballo a voz Anllóns, pero resulta que nas páxinas 45, 52, 87, 187, 196, 245 e 246 aporta uns mapas nos que lemos Allones. Máis aínda, na páxina 88 aparece un esquema do río e dos seus afluentes, feito a man, no que volvemos a ter Allones. En contraste co antedito, na páxina 192 presenta un mapa francés, cedido polo Doutor Baltar, no que aparece Allóns. Certamente, é un dos mapas do século XVIII nos que está Allóns por unanimidade.

Así pois, na obra de Parga Pondal aparecen os tres nomes que encabezan este artigo. Non nos sorprenden estas vacilacións, pois ata o Nomenclátor cambiou de Allones para Anllóns. Temos noticias de que están revisando esa publicación, veremos se nos devolven ao xenuíno Allóns. Ou non, porque o novo continente chamouse América, como se fose Amérigo Vespucci o seu descubridor. Ou serían navegantes do norte de Europa, en tempos de antano, os verdadeiros descubridores? Quen sabe, reviravoltas das memorias históricas.