Sebastián Pérez: «No fútbol, cada vez, hai máis malas actitudes»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

SANTI GARRIDO

Este árbitro carballés pitou un partido dos seus excompañeiros de equipo e actuais de pupitre e sinaloulles a pena máxima

10 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Chámase Sebastián Pérez Rellán e é unha das últimas fornadas de árbitros da Costa. Naceu en Suíza, froito da emigración, e aos tres anos veu para Carballo, onde creceu como futbolista nas Escolas Luís Calvo Sanz dende que era alevín ata cadete de segundo ano. Logo, estivo no Coristanco durante o primeiro ano de xuvenil, e no Laracha no segundo. Coa maioría de idade recentemente cumprida, decidiu cambiar as botas polo chifre. A pasada fin de semana pitou o partido Bergantiños-Betanzos (0-1) de Primeira Autonómica xuvenil no que se reencontrou con excompañeiros de equipo e actuais de pupitre e sinaloulles a pena máxima.

-Como viviu este encontro na que foi a súa casa durante anos?

-Bastante ben, xa que moitos aínda son compañeiros de clase e outros levo xogando moito tempo con eles xa. Como árbitro principal era a primeira vez que me tocaba arbitralos. Como asistente, xa me tocou algunha vez con excompañeiros que están en Liga Galega Xuvenil. Foi unha sensación bastante rara ao non xogar no mesmo equipo que eles, aínda que o ano pasado xa non fomos compañeiros, senón rivais, por xogar eu no Laracha. Pero vino de forma bastante distinta.

-Especifique un pouco máis.

-Ao principio é diferente, porque sabes que se non o fas moi ben a xente que está cerca de ti vaino saber e non é algo cómodo. Pero o partido saíu ben, e, entón, xenial. Iso tamén me fai estar máis atento.

-Din os espectadores que foi vostede moi xusto, pese a que tivo que pitarlles aos locais un penalti en contra.

-Si, finalmente parouno o porteiro. Pero tampouco o protestaron moito porque foi bastante claro. Ninguén me botou a rifa. Só un para ver se coaba que non era, pero, ao final, non coou [ri].

-Gustoulle a experiencia?

-Si, foi un partido especial para min. Queda moita liga por diante e seguramente me volva tocar.

-Que titulación ten e como comezou nisto da arbitraxe?

-Comecei a arbitrar en xaneiro do 2018. Levo preto de dous anos. Por agora, son colexiado de Terceira Rexional, isto é, podo pitar todas as categorías de aí para abaixo. Este ano tiven que deixar de ser futbolista ao ter 18 anos e non poder compaxinar ambas as cousas. Vía que tiña máis futuro de árbitro que de xogador. Por agora gustábame máis xogar, pero, á larga, íame gustar moito máis pitar. Estábao vendo. É algo que levamos na familia. Teño un irmán que arbitra: chámase Adrián, vai facer 28 anos e acaba de ascender a Preferente. Máis ben foi que meu irmán comezou a prepararse dende moi novo e, ao non ter carné de conducir, eu acompañábao moitas veces con miña nai ás clases de arbitraxe e aos partidos. Tíñao moi visto xa e, cando montaron a subdelegación da Real Federación Galega de Fútbol en Baio, meu irmán animoume a ir. E aquí sigo! Por agora, teño pensado ascender a Segunda Rexional para poder meterme a asistente específico e así poder chegar máis lonxe. Gustaríame chegar ata o máximo que hai.

-Como ve o seu futuro?

-Véxoo moi vinculado á arbitraxe. Por agora compaxínoo cos estudos. Estou cursando segundo de bacharelato. En nada vaime tocar decidir que fago coa miña vida e creo que vai ser unha decisión que tome no último momento. Tendo ao deporte, pero, ao final, como traballo, véxome máis nunha oficina. Non teño nada claro.

-Ten algunha categoría concreta asignada ou vai ao que lle toque?

-Segundo o que me toque cada fin de semana: fútbol 8, alevíns, cadetes... Cos máis pequenos falas máis e anímalos, pero cos máis grandes dáche máis emoción.

-Xa lle tocou vivir algún momento tenso e desagradable?

-Moitas veces. A verdade é que no fútbol, cada vez, hai máis malas actitudes. Danse xa dende cadetes, e en xuvenís tamén hai bastantes. Pero polo de agora non tiven algo moi moi grande. Algún encontrón, pero no que non chegaron ás mans. Iso tamén me fai madurar.

-Segue sendo na categoría sénior onde hai máis disputas?

-Si, pero tamén, ás veces, teñen algo máis de madurez e reláxanse algo máis. Ás veces, por ser novo, pensan que es máis manexable, máis tímido; entón, pitar sénior de novo é máis difícil.

-Vostede antes de ser árbitro foi xogador. Como lle influíu iso?

-Agora vexo o fútbol de maneira moi distinta. Cando comecei a arbitrar deime conta do difícil que era ser árbitro pola dificultade de tomar decisións e a madurez que tes que ter. Eu era dos que respectaba todo e case nunca protestaba porque sabía o complicado que era, ao ver a meu irmán nos campos de fútbol e ao el tamén comentarme cousas.

-Como compaxina a arbitraxe cos estudos?

-Por agora lévoo bastante ben. Cando comecen os exames vai ser algo moito máis difícil. A fin de semana dividímola en catro partes: mañá, tarde, mañá, tarde, de sábado a domingo, porque pola semana non podo pitar. E este ano pedinlle ao delegado arbitral da Costa, Vítor Recarei, de poder ter unha mañá e unha tarde libres. Desta maneira, podo ter dende tres a cinco partidos, e se é fútbol 8 aínda moitos máis, porque duran menos.

-Bota de menos xogar ao fútbol?

-Non adestro nin nada, e a verdade é que o boto bastante de menos. Os primeiros partidos que pitei esta tempada estrañaba que puidese ser eu o que lle dese á pelota.