Hortensias e crisantemos

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

07 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Trinta e cinco anos non pasan así, tan rápido, coma un suspiro. Cada cousa leva o seu tempo, o seu pouso. Nas memorias da xente maior, meus avós, perdura o recordo vivo dunha noite de calamidade e inclemencia. Imaxínense vostedes semellantes ventos, a chuvia, a tormenta en si, prodixiosa e case apocalíptica. Todo nuns momentos onde aínda nin existía a luz eléctrica nalgúns lugares. Facíase todo cos pequenos Petromax, que alumeaban pouquiño, cunha luz indeleble e fugaz que apenas iluminaba. Non eran tempos de bonanza nin de moitas esperanzas. Os que viviron aquel día, sentiron o medo. Un medo que se repite cada inverno cando aparecen no mapa alertas por cicloxénese. E non é para menos. Na miña aldea levantara as uralitas dos tellados, o vento leváraas no aire e mesmo cortaran a varias árbores. Imaxinen vostede o monstruoso da forza da natureza. A tristeza de deixar os animais sen un tellado que os acubille en tan tremenda noite, a impotencia de todos. Pensen vostedes en cantas oracións se recitaron aqueles días para que amainase a tempestade. O máis triste é a reconstrución. Volver a unir as pezas, recoller o refugallo do vento, chegar a sufragar as vulnerabilidades prioritarias, gornecerse do frío, da chuvia. Fíxense que nos lugares nos que había luz, os postes caeron, tremenda equiparación de recursos entre unhas zonas e outras. Nos días posteriores, curiosamente, Telefónica empezou a erguer novos postes, máis tendidos eléctricos. Non obstante, outros moitos tiveron que continuar co seu Petromax na man, o compañeiro de moitas familias cando o sol xa caía. Xa ven, como din os vellos, na casa do pobre chove e na do rico tórcelle o bico. Refraneiro popular.