A Costa da Morte é a segunda comarca na que máis se usa o galego, e medrou en dez anos

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

A zona da Coruña suroriental é a única que está por riba

06 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Costa da Morte é a segunda comarca de Galicia na que máis galego se fala, xa sexa habitualmente sempre, ou en maior medida ca o castelán, cun 92,43 % dos seus habitantes. Só está por riba, e por moi pouco (a diferenza nin sequera chega a un punto: só o 0,71 %) a zona suroriental da provincia da Coruña. É case un empate técnico, realmente, porque esta área ten un 93,13 de uso maioritario. Aí están concellos como Arzúa, Melide, Santiso (una da súas parroquias é Vimianzo, por certo: só hai dúas así en Galicia), Mesía, Ordes, Cerceda...

Estes datos acaba de publicalos o Instituto Galego de Estatística, dentro da súa Enquisa Estrutural a Fogares. As comarcas nas que se distribúe esta análise son, en realidade, supracomarcas, xa que non se corresponde coas administrativas.

Na da Costa da Morte entran, evidentemente, Bergantiños, Soneira e Fisterra, pero tamén Muros e Xallas. E o mesmo pasa con outras, que inclúen municipios limítrofes nos que a realidade sociolingüística é máis ou menos similar. Por iso no traballo do IGE Galicia está repartida en só 20 comarcas, en vez das 53 oficiais. A provincia da Coruña distribúese na Coruña suroriental, Ferrol-Eume-Portugal, Costa da Morte, Barbanza-Noia, Área da Coruña e Área de Santiago.

Ademais de ser un dos lugares máis destacados de Galicia á hora de manter o idioma galego como principal, outro dato moi interesante que tamén aporta o IGE é que o seu uso medra. Pouco, pero medra. Así, nos datos da primeira análise realizada, no 2008, as respostas dos enquisados sobre «en galego sempre» ou «máis galego ca castelán» eran do 91,91 %, que agora pasou ao 92,43.

Un decenio

E chama máis aínda a atención o contraste co que ocorre en Galicia. Segue sendo a lingua máis empregada en toda a Comunidade, pero se hai dez anos a porcentaxe era do 57,03 %, agora é só do 52,29 %. Na Costa da Morte, polo tanto, baixa o uso dos que falan sempre en castelán, ou fano máis ca en galego: un 8,09 hai un decenio, e un 7,57 % agora.

Este 92 e pico por centro contrasta moito con outras zonas da provincia e de Galicia. De feito, a media galega é dese 52,29 % dos habitantes, e a media provincial é case idéntica, un 52,93. De seguir o mesmo ritmo, en dez anos ou menos o castelán mandará en Galicia en números absolutos. Xa ocorre nalgunha grandes bisbarras, nas que o castelán é maioritario, por exemplo en Ferrol-Eume-Ortegal, cun 66,25 %, ou a área da Coruña, cun 66,45. En Barbanza e Noia, as ratios de galego tamén son altas, cun 88,85 % de falantes habituais.

As diferenzas son aínda maiores se se comparan coas sete cidades. En Vigo, por exemplo, só fala galego sempre o 3,85 dos seus veciños; na Coruña, o 5,34 %, e en Ferrol, o 6,71 %. Lugo, co 21,34 %, e a principal urbe de galegofalantes, pero a porcentaxe tampouco é moi alta.

Idioma maioritario, por pouco: datos positivos para a Xunta

O Instituto Galego de Estatística fixo públicos os datos do Módulo de coñecemento e uso do galego da Enquisa Estrutural a Fogares de 2018, e que mostran a consolidación da lingua galega como idioma maioritario de Galicia. O conselleiro Román Rodríguez cualificou eses datos de «positivos», por ser a primeira vez, desde que en 2003 se comezara a publicar este estudo, en que medra o número de persoas que fala o galego de maneira habitual. «Hoxe falan galego máis persoas que hai cinco anos», sinalou sobre o momento no que se realizou o último estudo.

É así en termos absolutos, e dende logo é así na Costa da Morte e limítrofes, pero non en todas as comarcas. Nos primeiros estudos, por certo, a comarca ocupaba o liderado galego, e aínda que agora ten ese honorífica medalla de prata lingüística, parece que está recuperando terreo e seguramente a medio prazo poida estar outra vez á cabeza da lista.

Cooficial

O conselleiro dixo tamén que Galicia segue a ser a Comunidade que asegura uns maiores índices de coñecemento da lingua propia cooficial. «As cifras amosan que estamos ante un escenario sociolingüístico positivo, que reflexa un modelo de convivencia no uso das linguas», afirmou.