Greta Marí: «A crítica social entra para quen a quere escoitar, dá igual como a presentes»

CARBALLO

FIOT | Teatro de rúa | Greta é, xunto con Mónica Suárez, Cía Sincronizadas, que hoxe traerá a Carballo o espectáculo «OhLimpiadas»

04 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Primeira vez para Mónica Suárez e Greta Marí -Cía Sincronacidas- no FIOT carballés, no que aterrarán hoxe cun espectáculo de rúa que leva rodando xa un par de anos e que xa pasou pola praza ceense hai unas semanas. OhLimpiadas, unha chamada de atención sobre o deporte feminino, conta un valor engadido: a voz en off de Lulia Luna, recoñecida comentarista das Olimpíadas. Hoxe, na Praza do Concello (20.00).

-Que propoñen co espectáculo «OhLimpiadas»?

-Pois traemos un espectáculo de humor físico e absurdo cunha mensaxe de fondo con respecto á muller deportista.

-Hai crítica social, entón.

-Si, sobre o papel da muller no deporte: como foi tratada, como se lle ve e como está agora, tamén.

-Un tema que está de absoluta actualidade, tralas declaracións de Laia Palau sobre as diferenzas de salario no baloncesto.

-Levamos como dous anos rodando con este show. Esta noticia foi onte [polo mércores], pero hai uns días tamén España gañou unha medalla feminina non me lembro en qué deporte... É algo constante: [cuantitativamente] dende hai un tempo as mulleres están tendo máis logros ca os homes, e non obstante a cobertura mediática que teñen é case inexistente.

-Que deportes se ven representados no seu espectáculo?

-O show ten unha liña argumental tal e como son as Olimpíadas, co cal están case todos os deportes.

-E iso en cincuenta minutos?

-Si [ri]. Representamos case todos os deportes olímpicos coa mesma orde na que se verían representados nunhas Olimpíadas normais. E todo iso dentro dunha loucura de dúas limpadoras que van desenvolver o seu traballo nunha xornada normal e corrente, pero fano como se fosen dúas deportistas de élite.

-Cree que a crítica social entra mellor a través do humor?

-Penso que, en xeral, entra ben para quen quere escoitar; e mal, para quen non quere [ri]. Dá igual como o presentes. En xeral temos moi boas críticas con este show, basicamente porque somos dúas mulleres que non nos encorsetamos nese canon feminino que se adoita ver na escena: guapa, linda, fermosa, con espectáculos bonitos... Non, nós facemos un humor absurdo e canalla que non se adapta aos perfís habituais.

-Que tal a resposta do público?

-Á xente, polo xeral, estalle gustando moito. Non é moi fácil ver comedia, e non é moi fácil ver comedia feminina na rúa. Estamos moi contentas pola acollida.