As temidas enquisas do galego

Natalia Lema Otero

CARBALLO

30 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días as enquisas sobre o uso do galego fixeron tremer as redes sociais. Todo o mundo ten unha opinión ao respecto.

Estas enquisas non son nada novo. Sácaas o IGE cada certos anos, e incluso saían nos meus libros de texto cando estudaba galego en cuarto da ESO, non hai tanto. É verdade que se poden aproveitar para xerar debate, mais considero que non se poden utilizar como baza política ou ideolóxica. O galego non é propiedade das esquerdas, dos centros ou das dereitas políticas. O noso idioma, pese a quen lle pese, é un valor patrimonial intanxible, que se debe preservar como parte da identidade dunha rexión con cultura, fala e xente de seu.

As conclusións, non obstante, non mudan. No rural fálase máis galego que nas cidades, a preservación vai empezar polo local. O motivo, ao meu parecer, non deixa de ser a depreciación social do galego nas urbes. Quedan por corrixir moitas eivas da estrutura social que inciden no idioma, por exemplo esa teima de relegar ao galego só para usos coloquiais. Chega con observar a meirande parte da Administración Pública, case todo en castelán.

Deberíase incidir profundamente nesa depreciación sobre o prestixio da lingua, tamén nas interferencias lingüísticas do castelán que cada vez se apropian máis da oralidade ou no vocabulario en perigo de desaparición. Maila todo isto, eu non renego do castelán. Penso que temos unha riqueza inmensa de contar con dúas linguas na nosa boca dende ben pequenos. O importante sería telas ao mesmo nivel, sen que o galego sufrise unha minoración tan significativa.

Todas as linguas, como dicía Teresa, a miña profesora de galego, nacen, evolucionan e morren. Tal e como as estrelas máis brillantes. Está na nosa man acurtar ou alongar o proceso.