Un outono para vivir o patrimonio en Cabana

CARBALLO

BASILIO BELLO

Os oficios tradicionais, o dolmen de Dombate e o Castro de Borneiro, centran o programa de actividades

29 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O patrimonio é en Cabana motivo de celebración os 365 días do ano, mais será durante o outono cando os piares patrimoniais deste municipio cobren especial protagonismo. Sucederá a través dun programa que, elaborado polo Concello en colaboración coa Deputación da Coruña, chegará abondoso en actividades, presentacións literarias, charlas, música, solidariedade e recoñecemento aos oficios tradicionais, pois será este, precisamente, un dos focos de atención deste Outono do Patrimonio 2019. O local social de Neaño acollerá ao longo dos próximos meses actividades relacionadas coa cestería, a carpintaría, o téxtil ou a cerámica, para despois derivar nunha gran exposición, Saberes de Cabana, que se desenvolverá no Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate na ponte festiva do 6, 7 e 8 de decembro.

Serán o dolmen de Dombate, o castro de Borneiro e a Torre da Penela os tres piares fundamentais sobre os que se sustentará este programa lúdico, con actividades e charlas durante todo o mes de novembro, e coa presenza destacada de arqueólogos que foron partícipes das escavacións. Xogará, así mesmo, un papel destacado a xunta local da AECC en Cabana, pois, coincidindo co Día Mundial contra o Cancro de Mama, coordinará varias actividades de corte solidario, como unha andaina, un Samaín ou varias conferencias centradas na loita contra esta enfermidade. Música e sendeirismo completarán un outono para vibrar co patrimonio cabanés.

O calendario completo de actividades

Outubro

Curso de monitorado. Sábado 5, Neaño. 10.00 a 14.00 horas: Presentación do curso de monitorado de tempo libre no centro social de Neaño. Ademais, dentro das actividades do ciclo «Mestres de artes e oficios tradicionais: saberes de Cabana», desenvolverase unha actividade de cestería.

Xogos co Melga. Sábado 5, O Esto. 16.00 horas: Xogos populares e tradicionais a cargo do Museo Etnolúdico de Galicia (Melga). Encontro interxeracional no campo da festa do Esto.

Oficios: carpintaría. Venres 11, Neaño. 16.00 a 20.00 horas: Nova actividade do programa relativo aos mestres e oficios tradicionais. Neste caso estará relacionada coa carpintaría.

Solidariedade contra o cancro. (Día 17). 19.00 horas: charla arredor da loita contra o cancro a cargo da xunta cabanesa da AECC. (Día 19). Andaina solidaria contra o cancro pola Senda do Anllóns. Punto de partida: Praza do Pendón.

Oficios: téxtil. Sábado 19, Neaño. 16.00 a 20.00 horas: Nesta nova cita cos oficios tradicionais abordarase o sector téxtil.

Ruta de sendeirismo. Sábado 19, Corcoesto. 17.00 horas: Saída da ruta de sendeirismo do local social de Cures. Colabora a Asociación A Lareira.

Oficios: cerámica. Sábado 26, Neaño.10.00 a 14.00 horas: Pintura sobre cerámica será o concepto que centre a actividade do sábado, día 26.

Samaín. Domingo 27, Neaño. Samaín solidario en Neaño con baile, maquillaxe, magosto e a actuación de Isla Letriska ás 17.00 horas. Organiza a xunta local de AECC de Cabana.

BASILIO BELLO

Novembro

«O dolmen de Dombate». Sábado 9, Centro Arqueolóxico. 16.00 horas: Exhibicións de arqueoloxía experimental e talleres didácticos sobre a prehistoria que correrán a cargo de Galipat. Será no espazo de actividades. 18.00 horas: Charla sobre as escavacións arqueolóxicas en Dombate con José María Bello Diéguez.

«O castro de Borneiro». Sábado 16, Borneiro / Dombate. 16.00 horas: Visita ao castro A Cidá de Borneiro e explicación sobre as escavacións dos anos sesenta. 18.00 horas: Visita virtual ao castro con Tictura, contidos dixitais, educativos e culturais. Será no Dolmen de Dombate coa arqueóloga Ana Romero Masiá.

«A Torre da Penela». Sábado 23. 16.00 horas: Visita á Torre da Penela e á igrexa parroquial de Riobó. Guiada por Xan Fernández Carrera.

Ana Garcia

Borneiro e Dombate na literatura. Sábado 30. 16.00 horas: Excursión guiada «Parroquia de Borneiro, museo ao aire libre», co arqueólogo e escritor Felipe Senén López Gómez. 18.00 horas: Presentación, no recinto do Dolmen, do libro «Antoloxía de Dombate».

Ana Garcia

Decembro

«Saberes de Cabana»: Fin de semana do 6, 7 e 8. Exposición «Saberes de Cabana», centrada os oficios tradicionais, no Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate. Durante toda a fin de semana da ponte.

Música en Dombate. Sábado 14, Centro Arqueolóxico. 16.00 horas: O dolmen de Dombate como fonte de inspiración para a música; Milladoiro, o párroco Saturnino Cuíñas e o Cancioneiro de Borneiro. 18.00 horas: Charla sobre cántigas da terra. 

«Romarías e santuarios». Sábado 21. 16.00 horas: Charla sobre as romarías e santuarios de Cabana con Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego. Ademais, clausura musical do programa cultural Outono do Patrimonio 2019.

BASILIO BELLO