Traballo conxunto, sen diferenciar territorios

Manuel Barros PRESIDENTE MAR DE FÁBULA

CARBALLO

25 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Mar de Fábula é unha das entidades que asinou a Declaración de Camariñas o 5 de agosto na Confraría de Pescadores de Camariñas. Cal é a nosa visión deste documento? De entrada, a súa orixinalidade. É un documento de intencións que parte do sector que vertebra a principal actividade económica e social da Costa da Morte: o marisqueo e a pesca de baixura.

Abonda con ser espectador ou participar nalgunha das súas reunións para nos decatar da forza vital destes colectivos, da enerxía que desprenden estes homes e mulleres cos seus fillos, familias integradas no mundo de clase traballadora do mar, orgullosa de seu, do seu idioma, dos seus costumes, partícipes nas súas tradicións, homes fortes e mulleres inspiradoras. Toda unha clase social consciente da riqueza das súas augas e do que facer para asegurar a súa sustentabilidade.

Pode haber diferenzas de criterios entre estes profesionais da mar, mais da mesma maneira que na película Braveheart as tribos escocesas, a pesares das súas liortas internas, uníronse contra o inimigo común do invasor inglés, aquí tamén todos saben que teñen que unir as súas forzas contra o inimigo común da contaminación, que pode estragar a súa fonte de vida, a riqueza da fábrica natural na que están todos empregados : o mar.

De aí vén o énfase que fan os seus promotores de traballar xuntos, unidos, sen diferenciar territorios, todos baixo a marca única da Costa da Morte. Saben que na unión está a súa forza. Non queren seguir emigrando. Queren vivir do mar na súa terra. Este diáfano plantexamento, conleva, ao meu ver, unha épica de país.

Que temos que facer o resto de asinantes deste documento, concellos, institucións de desenvolvemento económico e grupos ecoloxistas ? Cada un no seu eido, respaldalos no seu obxectivo e buscar novos apoios, entre eles, das forzas da cultura.

Ten na mar o seu sentido

A Costa da Morte, na súa estrutura de territorio diferenciado, cunha forte personalidade, ten na mar o seu sentido. Pode ser que por estrada sexa un territorio periférico, exótico, alonxado dos circuítos que levan a Europa, mais por mar, a Costa da Morte está no centro do mundo. Así o acreditan os seus fondos mariños, cheos de historia, de centos de naufraxios de barcos que procuraban na costa un punto de recalada para marcar o seu rumbo. Así o acreditan hoxe en día os máis de 40.000 barcos ao ano que navegan polo corredor marítimo de Fisterra, un terzo deles grandes buques tanques transportando mercadorías perigosas, outros miles son grandes buques portacontedores con enormes cubertadas que, ás veces, por mor dos temporais caen ao mar e as súas verteduras chegan á costa. Este dispositivo de separación de tráfico marítimo, unha das rutas máis importantes do mundo, constitúe un perigo potencial, invisible pero real, de contaminación das nosas augas costeiras. De aí, a chamada de atención sobre a súa existencia ao comezo da Declaración de Camariñas.

E que dicir dos mariñeiros da Costa da Morte, tripulantes que traballaron duro a bordo de centos de pesqueiros de altura e barcos mercantes de todas as bandeiras. Un activo humano de enorme valor. Homes, moitos deles xubilados agora máis de mentalidade aberta por teren navegado por todos os mares do mundo, con multitude de anécdotas, con termos ingleses incorporados á súa fala cotián, todos atesourando una rica experiencia profesional e vital, patrimonio a transmitir ás novas xeracións das vilas mariñeiras.

Cál vai ser o rol de Mar de Fábula neste proxecto? Adicarnos á máis elemental, á máis básica das tarefas: limpar, limpar o mar, limpar a ribeira, sensibilizar sobre a necesidade de manter limpo e saneado o territorio que compartimos, condición imprescindible para manter alto o sentimento de autoestima colectiva e respeto mutuo.

A partir de aí, con estos alicerces, dende a Costa da Morte, traballaremos pola reconstrucción do país.