Xelucho Abella: «No libro cito as lendas de ata doce cidades asolagadas na comarca»

O escritor e profesor xubilado malpicán Xelucho Abella presenta nova obra: «Xeoantropoloxía mítica da Costa da Morte»


Carballo / La Voz

Di Xelucho Abella que a Costa da Morte foi, «durante milenios» o cabo do mundo, o extremo occidental da terra ecuménica e unha terra «mítica»: «A última que o sol alumeaba polo día e a Vía Láctea durante a noite». Como toda terra mítica, asegura o escritor e profesor xubilado (Malpica, 1945), non ten uns lindes definidos. «Estes espazos teñen como referentes funcionais de integración sociocultural non fronteiras definidas, senón centros de cosmicidade», asevera, citando exemplos como os montes do Pindo, Borneiro e Nemio; os santuarios da Virxe da Barca, de Nosa Señora do Faro e de Santo Hadrián; ou de cabos como o Nariga, o Roncudo, o Vilán ou o de Fisterra.

Cuestións desta índole explora no novo volume que acaba de sacar á luz, Xeoantropoloxía mítica da Costa da Morte. Un libro que, pese a publicarse neste 2019 ao abeiro da editorial Toxosoutos, foi escrito hai xa dez anos. «Escribino xusto antes de que me dese un ictus, no 2009, que me deixou algunha secuela. Agora, por fortuna, estas consecuencias minguaron e fun engadindo bibliografía nova que foi saíndo neste tempo», comenta o propio Abella, que polo de agora non ten ningunha presentación pública fixada, aínda que, sen dúbida, chegarán. «Faremos, si, pero queremos agardar por Xurxo Alfeirán, autor da practica totalidade das fotografías que van no interior do libro, e que agora mesmo está de viaxe», di o profesor xubilado, que non ten máis ca palabras de admiración para o seu amigo e compañeiro de andanzas. «É unha persoa con moitísimos valores, sobre todo humanos e intelectuais».

De 65 fotos que están distribuídas por todo o volume, só dúas non son da autoría de Alfeirán. Unha delas é, precisamente, a da portada: unha imaxe tomada ás cruces dos falecidos no cabo Roncudo, en Corme. «Fíxena camiñando moi amodiño cara unha gaivota xusto antes de que alzase o voo», di Abella.

Nesta nova obra, xa dispoñible nas librarías, fai un estudo histórico no que abonda nas raíces cristiás e precristiás da relixiosidade popular; facendo mención a moitos elementos culturais primixenios que resistiron ao propio tempo e que foron dando significado ao paso dos séculos.

«Nos cumios de Nariga celebran os ventos as súas asembleas, segundo a tradición local; nelas resolven as súas retesías e acordan o reparto dos mares. É unha paisaxe máxica, de pedras encantadas [...] Compréndense que os nosos devanceiros sacralizasen estes montes, e que nas súas pedras e mananciais experimentasen a presenza da divindade», cita o malpicán ao longo do volume, entre outros moitos exemplos que explorou ao longo de varios concellos da comarca de Bergantiños. Só se centrou na zona norte da Costa da Morte, di, e non cre que vaia haber unha segunda parte. «Nunca se pode dicir que rematou a miña creación literaria, pero a partir de agora irá, de seguro, moito máis pousada».

Cidades asolagadas

Nun dos capítulos deste novo volume, cita Xelucho Abella ata doce lendas de cidades asolagadas ao longo da Costa da Morte: a da fraga de Bragunde, en Lendo; a de Galilea, nos baixos de Baldaio; a do monte da Eiroa, en Bértoa; a de Vila Gundín, no val de Rus; a de Alcaián, en Seavia; a do río de Verdes; a de Valverde, na praia da Ermida (Corme); a de Vilaverde, en Muxía; a de Duio, en Fisterra; a da lagoa das Xarfas, en Monte Louro e a de Valverde, na lagoa de Traba. «No libro cito doce casos, que son dos que teño constancia, pero pode haber máis», di Abella.

«Son as illas Sisargas as tres Aras sestianas?», pregúntase o autor noutro capítulo. «O xeneral romano L. Sestius, cónsul no ano 23 a. C. erixiu as tres Aras sestianas na honra do emperador César Augusto. Ptolomeo di que foron erguidas entre o cabo Fisterra e a cidade de Brigantium (A Coruña). Iso, unido á toponimia das illas Sisargas (insulas Cesaricas, traducido a illas dedicadas a César), podería indicar que esa teoría ten visos de realidade», reflexiona Abella

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Xelucho Abella: «No libro cito as lendas de ata doce cidades asolagadas na comarca»