Un problema que afecta gravemente aos nosos ríos

David Gómez Brandariz BIÓLOGO Y PRESIDENTE DE RÍO E MAR

CARBALLO

08 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras a publicación do estudo sobre o estado das depuradoras de

titularidade de explotación municipal encargado por Augas de Galicia, onde se reflexa a realidade actual do sistema de depuración de augas residuais nos municipios de Galicia, convén facer unha profunda reflexión, xa que os resultados obtidos quedan lonxe do que era de esperar. Das 119 EDAR (Estación depuradora de augas residuais) auditadas, a valoración global da depuración é boa só no 42% dos casos, sendo o estado (conservación-mantemento) das infraestruturas aceptable no 58% delas, é dicir, nin a depuración nin as infraestruturas son as que cabería esperar se o que pretendemos é unha xestión sostible do medio natural.

Problemas de deseño e explotación, pretratamentos deficientes, sistemas de desinfección apagados ou deficientes, vertidos puntuais de augas industriais, infiltracións de augas mariñas e entradas de volumes elevados de augas brancas e pluviais no sistema, son os problemas máis habituais que se dan nas depuradoras da nosa comunidade, e que provocan que os efluentes procedentes da depuración que verten nos ecosistemas acuáticos non se produzan nas condicións máis axeitadas, o que reverte directamente nunha perda de calidade das augas e como consecuencia directa desta baixa calidade, nunha perda de biodiversidade comprometendo a viabilidade ecolóxica do ecosistema.

Este panorama, nada prometedor, deixa patente que moitos concellos son incapaces de asumir as súas competencias na materia (artigo 27 Lei 9/2010, de 4 de novembro, de augas de Galicia), en moitas ocasións debido a falta de efectivos, tanto económicos coma de persoal cualificado, especialmente nos concellos máis pequenos.

É posible que a coordinación, entendemento, colaboración e boa vontade tanto da Administración local, coma da provincial, da autonómica e da estatal á hora de corrixir estas incapacidades e deficiencias de xestión, sexa a solución a este problema ambiental, que afecta gravemente aos ecosistemas acuáticos en xeral, e aos nosos ríos en particular.

Non se trata de buscar culpables, nin de derivar ou concretar o grao responsabilidade, só de afrontar o problema e tratar de acadar unha solución sostible para que Galicia, á que Álvaro Cunqueiro definiu como terra dos dez mil ríos, volva a caracterizarse pola riqueza, singularidade e boa saúde ambiental dos seus ecosistemas fluviais e mariños.