Manoel Baña Castro: «A vida é un cambio constante»

Nuria Guillermo, S. G. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

A VIVA VOZ | O profesor e psicólogo, nacido en Zas, deixa a Universidade da Coruña despois de case 30 anos para dar clase na Facultade de Educación de Lugo

30 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Manoel Baña Castro leva desde 1995 traballando no ámbito da inclusión, aínda que, nos seus inicios no mundo laboral este campo era denominado como «participación». Naceu en Zas en 1959, e a día de hoxe considérase unha «persoa ambulante», xa que a súa vida transcorre entre este municipio da Costa da Morte, Mondoñedo, onde casou, e A Coruña.

Na cidade herculina é onde leva traballando todos estes anos, no departamento de Psicoloxía Evolutiva da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña. Agora, o mesmo departamento do campus de Lugo, dependente da Universidade de Santiago de Compostela, convértese no seu novo reto.

-A que se debe este cambio?

-Ofrecéronme a posibilidade, e eu creo nos sinais, en que as cousas acontecen por algún motivo. Pareceume un bo momento para cambiar e iniciar novos proxectos, madurar outros, iniciarme con xente nova... Deixo atrás cousas moi boas e algunhas menos boas, pero eu creo que a vida é iso, oportunidades que van xurdindo. A vida é un cambio constante, pero é necesario que un o queira asumir e queira enfrontarse a estes cambios.

-Leva vostede toda a vida formando parte deste mundo da inclusión.

-Si, e creo que a xente debe participar. Quero crer na capacidade das persoas e naquilo que me dicía un mestre cando era pequeno: «cultiva o bo, porque o malo xa está aí». Todos temos defectos, pero creo que intentar dar o mellor de nós ten a súa recompensa. Miña nai dime que sempre estou sorrindo, e eu creo que iso é o que temos que xerar. Iso é a intelixencia emocional: recibes o que dás, e temos que preocuparnos de dar, non de recibir. Eu vexo que, en xeral, pasa o contrario; a xente está moito máis pendente do que recibe.

-Tamén é unha cuestión de empatía.

-Si, a inclusión pasa por moitas cousas. Eu teño a sorte de ter amigos que están continuamente achegando cousas e facéndome pensar, e teño esa capacidade de crer nas persoas, e que cada un pode mellorar sempre. Trátase de superar eses medos que nos caracterizan e todas as inseguridades. A vida está para vivila, con todo o bo e todo o malo. Outra das cousas coas que traballo é a avaliación de mellora: intentar mellorar sempre. O medo é bo, pero non pode impedirnos vivir. Equivocarse forma parte da aprendizaxe. Un non pode ter medo a equivocarse. Cometemos o erro de educar mal; deberiamos recuperar a aprendizaxe a partir do erro: permitir que os alumnos analicen os seus erros e aprendan deles.

-Hai un avance na sociedade de cara á inclusión?

-Non é fácil, a inclusión é un proceso sempre en vixilancia. Cando baixas os niveis de vixilancia aparece a inclusión. Temos que aprender a convivir con todos, e as familias xogan un papel fundamental niso. Temos que pensar que igual non estamos facendo todo o que deberiamos ao ensinar os valores fundamentais. Din que a intelixencia é a capacidade de adaptarse ao mundo, pero tamén a capacidade de modificar o mundo para vivir nel. A nosa forza está en crer no ser humano e convivir con el aceptando as diferenzas. Temos que ensinar aos nenos o respecto polos demais e a quererse a un mesmo, porque detrás de todo isto xorden as inseguridades. Cando me preguntan como se cambia o mundo sempre digo que o primeiro que temos que cambiar é a nosa propia vida.

-Ata que punto é negativa a sobreprotección?

-Sempre digo aos pais que non poden sobreprotexer os nenos. Eu non quero que alguén se faga débil polas miñas debilidades, senón que teño que aprender a facerme forte. A sobreprotección o que fai é todo o contrario. Se protexes a alguén esa persoa non vai ver a necesidade de facerse forte, e se non a ve perde a capacidade para desenvolver certos mecanismos. O que temos que buscar é a estimulación. Trátase de aprender a pensar o que queres na túa vida.

-Que papel xogan as asociacións dedicadas a fomentar a inclusión?

-Axudan a que as persoas poidan decidir por elas mesmas. Para iso, hai que darlles a oportunidade de tomar decisións e ensinarlles a asumir as consecuencias destas e a aprender dos seus erros. A vida é un cúmulo de accidentes dos que temos que aprender.