Da Costa da Morte ás terras bardas de Gales

A aula móbil do Semescom analiza as conexións do Fisterra galego con aportacións expertas


carballo / la voz

«Mentres os fillos dos celtas, cumpren serva e innobre vida; entonces o espírito invade do bardo escura melancolía». Os versos de Eduardo Pondal soaron en plena campiña galesa. A aula móbil do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) botou de novo a rodar, nesta ocasión polo País de Gales. O pasado luns partiu de Santander a bordo dun ferry e leva toda a semana analizando as conexións do Fisterra galego con estas terras bardas do Reino Unido.

Como vén ocorrendo dende hai uns dez anos, o Semescom leva a cabo unha viaxe cultural no verán segundo a guía histórica de Xosé María Lema, presidente da entidade, e a organización de Chus Barbeira, secretaria. Polo micrófono do autobús -da empresa Lázara- pasan diversos especialistas que van debullando temas relacionados coa viaxe. Así, Rosa García Vilariño, exprofesora en Carballo, analizou os camiños míticos literarios en común: a materia bretona, coas lendas artúricas na literatura galega (incluído Alfonso X o Sabio); o celtismo e o bardismo, con Murguía e Pondal, o bardo galego, e o atlantismo, ese fenómeno transversal na escrita, na pintura e na escultura. Así, soaron os versos do pontecesán Eduardo Pondal, que caracteriza como heroes galegos lugares e personaxes míticos.

O que durante tantos anos foi profesor en Carballo, Antón García Losada, aporta as características xeográficas das terras a visitar.

O filólogo e poeta ceense Miro Villar ilustra sobre a poesía e os autores galeses, con recitados que espertan os aplausos de viaxeiros, a arousana Xela Cid aporta notas sobre flora e fauna, mentres que o latinista, escritor e exprofesor en Carballo, Pepe Carballude, fala das expedicións romanas en terras galesas, ao tempo que Pablo Samartín, secretario de Rula, dá cadra de sorprendentes xacementos arqueolóxicos. Así transcorre unha viaxe que tivo a primeira parada nocturna en Bristol, onde o escocés Stevenson situou a partida da Hispaniola na súa novela de aventuras A illa do Tesouro, que logo Xosé María Lema continuaría coa súa Costa do Solpor. Tamén se cumpriron visitas a lugares como o parque nacional de Brecon Beacons, as ruínas da abadía de Tintern Abbey ou priorato Llanthony.

Se Gales está considerado como o reino dos castelos non podían excluírse visitas a fortalezas como as de Cardiff ou Caerphilly, a máis grande do pais galés e na que se rodou a serie de Merlín para a BBC, entre outras que van xurdindo polo camiño deste balcón atlántico. Como non podía faltar tampouco a catedral de san David’s.

Primeira páxina en galego

O venres a expedición chegou á pequena cidade de Aberystwyth, onde hai 25 anos, en 1994, o coristanqués Alfonso Xabier Canosa Rodríguez creou a primeira páxina web en galego mentres facía a súa estadía no University College of Walles. O seu paseo marítimo de aspecto vitoriano, os restos dun castelo construído por Eduardo I en 1277, e o funicular que permite subir ata o monte dende o que se ve un amplo cadro de gran valor paisaxístico, son os principais atractivos do escenario da primeira plana en galego en Internet.

A expedición retornará o día 28, de novo no ferry, onde posiblemente se leve a cabo o desquite dunha partida de tute celebrada na ida e na que a parella liderada por un destacado intelectual da Costa da Morte sofriu unha dolorosa derrota despois dunha remontada fulgurante dos seus contrarios. Posiblemente se crucen apostas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Da Costa da Morte ás terras bardas de Gales