Un marco xurídico que ten que revisarse

CARBALLO

23 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando nos 90 se empezaban a escoitar ecos de estudos relacionados coa prevención de riscos, non parecía nada máis que unha ciencia inútil e innecesaria que absorbía recursos sen unha finalidade que incidise directamente no monetario. Tantos anos despois, esta materia continúa gozando de tan mala reputación como en antano.

No eido dos accidentes de tractores, está demostrada a redución da sinistralidade a través da formación sobre o bo uso e manexo destas máquinas. Teñen xa moita experiencia nisto no sur, onde o traballo en zonas como Andalucía é máis pesado, intensivo e con man de obra estranxeira nas épocas de tempada. Iso favorecía a que as barreiras lingüísticas fosen as causantes de accidentes de tractor que, como se puido demostrar, podíanse evitar.

Non obstante, as características xeográficas e sociolóxicas de Galicia fan que os supostos sexan totalmente opostos. A zona que nos abrangue, a Costa da Morte, ten xa de por si unhas características idóneas que poden ser o leitmotiv dun accidente de tractor. Se analizamos as causas, hai moitas. As primeiras son as denominadas técnicas. Temos un parque de tractores moi antigo, que superan na súa maioría o linde dos trinta anos. Como medida orientativa, un tractor é vello a partir dos 16 anos. Un cifra que non responde, evidentemente, á vida útil dunha máquina así. Moitas veces os tractores de Castela veñen a parar a talleres galegos para a súa venda cando superan as súas horas de traballo previstas e cunha adaptabilidade ao medio poden facer aínda moitas máis horas. Isto é posible porque o modelo galego está na maioría dos casos formado por minifundios e ademais os tractores non son máquinas de alta obsolescencia. Galicia é unha comunidade con moitos desniveis e accidentes xeográficos como se sabe. Tamén sería fundamental que houbese un maior control coas ITV e as homologacións.

Outro dos eixos fundamentais para analizar os accidentes son as causas socias, demográficas e sobre todo humanas. Vivimos nunha Galicia dispersa, deslocalizada e cunha poboación envellecida, onde moitas destas persoas utilizan un tractor máis como medio de transporte e non como unha ferramenta de traballo. Por iso, hai dous grandes grupos vulnerables: menores de 16 anos e maiores de 65. Non, efectivamente, non hai un data límite para conducir un tractor pero hai que estar en perfectas condición psicofísicas.

Ademais, é imprescindible que se revise o marco xurídico da maquinaria agraria. A única lei que regula o uso de cabinas e estruturas de protección homologadas en España é a do ano 1979, unha lei que non é retroactiva. Nunca debemos esquecer que unha cabina pode ser o casco que nos salve de morrer esmagados ante un envorco. Unha lei que saíu nun momento histórico tan convulso, cando aínda os censos de maquinaria se estaban impulsando, debe ser actualizada á maior brevidade. As melloras nunca poden supoñer un maior custo para un sector tan terriblemente castigado, estaríamos entón ante un perxuízo económico importante.

A xente está morrendo en accidentes de tractor, é un feito. Unhas por envorcos laterais ou traseiros e outras moitas por atrapamento por toma de forza. É unhas das principais causas de morte traumáticas no sector primario. As campañas de sensibilización son escasas e non dan chegado ao destinatario final. Os tractores son máquinas intrinsecamente perigosas, cun punto de equilibro moito máis inestable ca un camión. A solución unicamente pasa por deixar de pensar que nunca nada vai ocorrer.

Natalia Lema Otero, de Baíñas, é autora (entre outros) do libro «Prevención de riscos agrarios na Costa da Morte».