Alfonso López: «Sacamos mil quilos de plástico dunha balea que varara na ría de Camariñas»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

M.MORALEJO

O biólogo, responsable da Cemma, explica os efectos dos plásticos na fauna mariña e a necesidade de tomar medidas para atallar esta crise ambiental

19 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Levamos anos advertindo sobre este problema. Chamáronnos alarmistas, catastrofistas... Mira como estamos agora». Alfredo López Fernández (1964), biólogo e voceiro da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), alerta do grave risco que supón a presenza de plásticos no mar e pide máis implicación institucional para poñer solución a unha crise ambiental da que ningún punto do planeta se escapa: «Xa non quedan lugares no mundo sen plásticos», alerta Alfredo.

-De que xeito afecta a presenza de plásticos á fauna mariña?

-De varias maneiras. Os plásticos grandes poden ser mesmo tragados por algúns animais que os confunden con comida. Un exemplo son as tartarugas mariñas, que se alimentan de medusas; ou algúns cetáceos, como os zifios ou os cachalotes, que comen cefalópodos. Iso en canto a pezas grandes; despois hai outras, como poden ser restos de rede -as denominadas redes fantasma, que pese a estar abandonadas seguen pescando- ou plásticos enmarañados, que poden atrapar a algúns animais, como tartarugas mariñas ou algúns tipos de cetáceos. Despois hai unha terceira afectación, e vén da man dos microplásticos, que entran a través da cadea atrófica a todo tipo de organismos, incluso aos humanos. Aínda non se sabe ben de que maneira poden afectar. Nun principio non deberían ser demasiado perigosos, pois igual que entran tamén saen sen problema do aparato dixestivo; pero poderían actuar como transportadores doutras substancias, como materias derivadas do petróleo ou produtos químicos que son atraídos por eses microplásticos e que si poderían ter consecuencias negativas a nivel orgánico.

-Que incidencia teñen nos exemplares de cetáceos varados nas costas galegas?

-No número total de exemplares varados en Galicia é baixa, pero habería que separar por especies. Por exemplo, é moi estraño atopar un arroaz con plásticos no estómago porque os coñecen e saben que non son alimento. Pode darse o caso de que rompan unha rede e despois, ao non saber sacala da boca, acaben tragándoa, pero sería algo excepcional. Logo estaría o grupo dos grandes mergulladores, como os zifios e cachalotes, que teñen unha porcentaxe de varamentos moi baixa. Aínda así, o 70 % dos que aparecen varados traen plásticos nos seus estómagos. E estes animais recóllenos a 3.000 metros de profundidade!

Hai uns anos, en abrtil de 1993. morreu unha balea na ría de Camariñas -case chegou a ir río arriba- e sacamos case mil quilos de plásticos do seu interior. Todo o seu estómago, que era tan alto como unha persoa, era unha auténtica montaña de plásticos. E en Ribeira, no 2003, sacamos 22 metros de cabo do estómago dun cachalote. Porén, para matar a un animal desas características non fan falla toneladas e toneladas. En Praia América, en Nigrán, apareceu un cachalote morto de 9 metros e no interior tiña unha rede de plástico do tamaño dun folio, e foi suficiente para matalo.

-Está a haber movemento para acabar cos plásticos, máis semellan ser un parche nunha ferida demasiado profunda.

-Sen dúbida. As medidas que se están poñendo en marcha en referencia aos plásticos son necesarias, pero absolutamente insuficientes. Non me vale con que cobren as bolsas no supermercado. Pode ser que a primeira semana baixase o consumo, pero despois non: a xente paga e punto.

As medidas teñen que ser moito máis drásticas, como prohibir a venta de produtos que veñan envoltos en varios plásticos.

Moita xente pregúntase onde está o límite do mar, pero o límite xa está superado hai moitos anos. Aínda que agora mesmo deixásemos de tirar plásticos, estariámolos sacando dentro de dez ou máis anos, e seguiría habendo tantos como o día 1.

-É reversible esta situación?

-Reversible sempre é, pero non chega coa vontade da xente. Obviamente hai que dar unha educación infantil, pero non é suficiente coa actuación individual que poida facer cada persoa. As administracións teñen que tomar medidas moi drásticas, e sobre todo as empresas, que son quen están gañando diñeiro xerando os plásticos, e retirándoos. Os únicos que non gañamos cartos somos nós, que imos recollendo cun trueiro a merda que botan outros.

«Os nosos arroaces son os máis contaminados de Europa no referido a residuos industriais»

Os residuos industriais son tamén un perigo para o medio mariño.

-Ademais do plástico, que outros produtos ou materiais poden tamén danar o medio mariño?

-Hai tamén unha contaminación química moi importante que se deriva dos procesos industriais, moitos dos cales hoxe en día xa non existen, pero cuxos residuos seguen aí no medio mariño. E tamén hai unha contaminación biolóxica e orgánica moi potente debido ao deficiente tratamento das augas residuais dos núcleos de poboación.

-E aí seguen os residuos de tipo nuclear, fronte á costa galega.

-Iso xa nin nos acorda! [ri] Non é o de menos, pola importancia e a duración que teñen eses residuos, pero centrámonos no máis inmediato e no que pode afectar á saúde humana. Tamén están aparecendo en cetáceos enfermidades de tipo terrestre que non deberían estar aí. Hoxe en día, sábese que os arroaces de Galicia son os máis contaminados de toda Europa en canto a metais pesados e residuos industriais.

-E que hai dos restos de naufraxios? É partidario de sacalos á superficie ou de deixalos estar?

-Se son inertes, por así dicilo, non deberían ser un problema. Un barco baleiro de combustible ou de materiais perigosos non debería ser un risco; ao contrario, en moitos lugares mesmo se fondean barcos previamente baleirados para lograr arrecifes, conseguir unha descontinuidade no fondo e permitir unha maior diversidade biolóxica.

-A mediática balea de Balarés sigue soterrada no seu sarcófago en Ponteceso. Canto tempo terá que permanecer alí?

-Dependerá de moitos factores, pero polo menos igual ten que estar dous anos. Xa pasamos por alí dende que os restos foron soterrados e en principio todo está ben. Agora haberá que facer unhas catas para ver como evoluciona, pero vai tardar, porque os cetáceos teñen moita graxa, e mentres non se descompoña ben, os osos non estarán limpos.