Baio reconquistou o monte Castelo

Xosé Ameixeiras
x. ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Historia, astronomía e veciñanza xuntáronse nun acto inesquecible organizado pola entidade Tabeirón

13 ago 2019 . Actualizado a las 22:34 h.

Baio descubriu a súa vea irmandiña. Máis de 300 persoas subiron ao monte Castelo (335 metros ou 344, segundo as versións), berraron «lumee» contra a opresión, aprenderon a ler o ceo con Jorge Mira e remataron solemnes escoitando a marcha do Antigo Reino de Galicia interpretada polos gaiteiros de Adro. Foi, asemade, unha iniciativa de inspiración labartiana, pois antes de emprender a marcha cara o curuto do monte, Pablo Mira, Ricardo Vigueret e Jose de Betty leron o conto O libro de Cibrán, unha descrición humorística dun pacto con Satán que xusto tiña como escenario a faldra do monte Castelo.

Pero hai que ir por partes. Conta Jesús Ángel Sánchez García no seu libro sobre as Torres do Allo que a orixe deste pazo estaría no Castelo, no alto do monte. Aínda que non haxa constancia física concreta da fortaleza, si achou constancia documental de que no alto ten habido unha construción defensiva, que podería ser derruída polos irmandiños en 1467 ou pola orde da raíña Isabel a Católica en 1486. Así, un dos obxectivos da marcha nocturna organizada, de forma maxistral, pola asociación de veciños Tabeirón, era indagar nas testemuñas da desaparecida torre.

Ás 21.30 xa estaba a expedición completa. Trala lectura do conto labartiano, no que Goriño e Runxías viron fracasado o seu pacto con Satán por mor da aparición dun personaxe inesperado, a comitiva pon pés ao camiño. A senda estaba perfectamente rozada e sinalizada por Tabeirón. Víase esforzo de días de traballo voluntario. A xente ía leda e cando pasou por un dos pasos subterráneos da autovía a moitos poñíaselle cara de estar vivindo unha aventura. Na subida, a lúa brillaba xenerosa e á súa esquerda Saturno facía acompañamento.

No alto, a comitiva foi recibida pola música de gaitas da asociación Adro no ceo soneirán. E foi aí cando Mariví Amigo, guía das Torres do Allo, chamou ás masas a recuperar a súa historia e a vencer a inxustiza do esquecemento: «Vós viñestes como viñeron antes os irmandiños». Os presentes tiñan o ánimo propicio para corear as súas consignas: «Lumeee!». Foi como unha reconquista do castelo derruído e desaparecido para sempre por culpa das liortas dos señores feudais. «Aquí están os cimentos e as bases da vosa historia medieval», arengaba Mariví Amigo. «Bravo Tabeirón», escoitábase entre o público.

Logo veu a lección celeste de Jorge Mira: Osa Maior, Osa Menor, Estrela Polar, Perseo, Altair, Arturo... Dixo o físico que en tantos anos que leva explicando o ceo dende os altos dos montes nunca vira unha expedición tan ben organizada. Falou da finitude do universo, dos buratos negros, da formación do Sol, das constelacións e da cantidade de estrelas. Unha charla amena no curuto do monte con toda bisbarra á vista e os faros da Costa da Morte virando os seus fachos.

A marcha do Antigo Reino de Galicia puxo fin solemne á exitosa conquista do Castelo.