Baiuca: «O meu proxecto rompe esquemas, hai que arriscar»

V. Couto / M. López

CARBALLO

Folk e música electrónica danse a man con Baiuca, un proxecto liderado por Alejandro Guillán que o sábado pechará a Carballeira de Zas

01 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Música electrónica e galega danse a man con Baiuca, un proxecto liderado por Alejandro Guillán que o sábado servirá de peche á 36.ª edición da Festa da Carballeira de Zas. Tanxugueiras, Korrontzi e Tide Lines completan o cartel desa noite. De todo isto falou Guillán en RadioVoz Bergantiños.

-Con ganas de Carballeira?

-O certo é que si. É unha data que temos marcada no calendario dende hai meses.

-Estivo antes no festival?

-Non, será a primeira vez, pero todo o mundo me falou del como unha das citas de referencia, polo que teño moitas gañas de coñecelo.

-Ser o encargado de pechar a cita é unha responsabilidade.

-Eu entendo que o tipo de música que fago encaixa moi ben nun festival como o da Carballeira a modo de peche de festa. Creo que é unha boa hora para nós.

-Moitos falaron do proxecto Baiuca como unha revolución, e ao mesmo tempo unha proba de que a música debe estar en constante movemento. Como definiría o seu produto?

-É certo que rompe esquemas, pero nós tamén pretendemos traballar dun xeito diferente ao que se fixo até o de agora. Sempre digo que é unha mestura entre música electrónica e galega, pero tamén se podería definir como un paso adiante: pensar que as cousas se poden facer doutra maneira.

-Unha proposta arriscada, en todo caso.

-É que hai que arriscar máis á hora de emprender proxectos, e sobre todo nestes tempos nos que estamos saturados de información. Un ten que mostrar como un é, non tratar de imitar aos demais. Con tanta xente facendo cousas, o que quere o público é coñecer a outros artistas diferentes.

-Como foi a evolución deste proxecto?

-Levamos ano e medio dando concertos. Se nos poñemos a analizar o percorrido vemos que o período de tempo é pequeno, pero sempre tratamos de progresar. Gústame falar da sostibilidade dun proxecto, pois é algo do que non se soe falar: de que xeito un proxecto se volve sostible. Hai que ir paso a paso, sen présa, pero sempre camiñando cara o obxectivo.

-Todo pechado para a actuación do sábado?

-Polo xeral traballo con estruturas pechadas, pero sempre trato de que cada concerto teña algo especial. E tamén hai que adaptarse a cada ambiente. Neste caso, como vai ser con músicos en directo, sempre da pé a improvisar un pouco máis.