«Nas cortinas do tempo», de Andrade Figueiras


Con Nas cortinas do tempo, de Xosé Antonio Andrade Figueiras, a colección Costa da Morte (Edicións Embora) suma outro título máis ao seu catálogo. Ábrese cun atinado prólogo de Santiago Pazos no que xa descobre trazos e eixos temáticos destes 36 textos. Material heteroxéneo disperso, algún inédito, do que agora podemos gozar dunha lectura en conxunto. Nese sentido, este libro é unha afortunada mostra de resistencia da lectura en papel.

Cada capítulo encabézase co título, continúa con coidadas fotografías alusivas ao contido e péchase co propio texto. De cando en vez, engalánanse con citas de autores como García Lorca, Vicente Niveiro, Álvaro Cunqueiro ou Celso Emilio Ferreiro.

Volume difícil de encaixar nun só xénero literario. Nel agrúpanse relatos, crónicas e artigos de opinión, modalidades que se van elixindo segundo o tema a tratar.

Ao longo de máis dun cento de páxinas, a presenza de Bergantiños é esmagadora. Amósanolo a través das súas xentes: Asunción Antelo, Os Bardos, Xosé Pumar Gándara, os compañeiros de Senda Nova ou do Instituto de Estudos Bergantiñáns, a fotógrafa Ana García, os creadores da Fundación Eduardo Pondal, o propio autor, seu pai e avó, Fernando Cabeza Quiles, os veciños da infancia, os vellos mestres, a clase política local, compañeiros de viaxe ou mestres artesáns. En menor medida, tamén apela a persoas afíns á comarca como os ‘curmáns’ asturianos ou o benquerido Xosé Neira Vilas.

Tamén está presente a través do territorio que se describe: Cerqueda, Seavia, a lagoa de Alcaián, o río Anllóns, Razo, Torás, o pazo de Xornes, o monte Neme, Riobó e Sísamo. Fronte a isto, aparecen espazos sentimentais vinculados á comarca a través da emigración ou das viaxes (río Nalón, Irlanda e Francia).

Bergantiños tamén está presente na suxestión de ambientes como o mundo da escola, dos bares e tabernas, da casa familiar, das festas, dos pazos rurais, do oficio dos enterradores, do desamparo familiar, da infancia e adolescencia, da configuración da paisaxe, do pasado histórico e, desgrazadamente, a través do urbanismo irracional.

Tampouco se desaproveita a ocasión de brindarnos acertadas lecturas de libros de referencia. Desde Viaxe polo corazón de Bergantiños, de Xosé Pumar Gándara; pasando por Galicia, o galego e os galegos, de Fernando Cabeza Quiles; por Aquel neno, de Xosé Neira Vilas; ou polo traballo colectivo Contos de taberna.

Con Nas cortinas do tempo, Xosé Antonio Andrade Figueiras consolídase como un escritor de longo percorrido, que iniciara en Seavia é nome de parroquia (2007) e seguira camiño con Querida Paula (2012) e Reválida de Sexto (20152). Quizais o máis importante non sexan eses títulos, senón a madurez que demostra neste oficio e a fortuna de posuír un rico mundo creativo que garantirá boas e novas publicacións.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«Nas cortinas do tempo», de Andrade Figueiras