«É factible que a Costa da Morte sexa Reserva Mundial de Surf a medio prazo»

Dende GoodLife consultores, parte fundamental na elaboración da candidatura, ven na zona singularidades que a fan única para a práctica do surf


Carballo / La Voz

O que vinte anos atrás podería parecer produto da imaxinación, hoxe en día é unha realidade: o surf deixou de ser unha actividade residual na Costa da Morte -un pasatempo- para converterse nun activo a nivel comarcal, nunha vía de desenvolvemento.

Co obxectivo de explotar as sinerxías entre o deporte e o turismo, así como de estimular a xeración de riquezas na contorna, a Costa da Morte presentou candidatura ante a ONG Save The Waves para converterse en Reserva Mundial de Surf. Hai só unha ducia delas en todo o mundo, máis dende GoodLife consultores, que actuaron como asesores técnicos nesta primeira parte do proxecto -a Deputación ten que sacar a concurso a seguinte fase- ven factible «a curto ou medio prazo» lograr este obxectivo. Un obxectivo que, á súa vez, se ramifica noutras metas: a unión de sectores implicados directa ou indirectamente nesta actividade, o nacemento dunha folla de ruta a nivel comarcal ou a preservación do medio natural. Así, e pese a que hai infinidade de normas para a protección da costa, non había ningunha que protexa especificamente as ondas, e para iso se solicita esta certificación. Jacobo Suárez e María Mesías compartían hai uns días, en Razo, as súas impresións sobre as oportunidades que o surf pode brindar á Costa da Morte.

-Hai moito tempo que o surf non é xa cousa duns cantos.

-María: Hai todo un sector que se move, especificamente, para vir practicar surf.

-Jacobo: De feito, fálase dun turismo mundial de surf, duns corenta millóns de practicantes en todo o mundo, e moitos deles na busca da onda perfecta.

-María: Os que están xa metidos neste mundo saben das bondades da Costa da Morte, pero logo o público en xeral non se dá conta de todo o que move este deporte. Falamos dos empregos, pero tamén de oportunidades. Como toda esa xente que ve o surf como unha mera afección deportiva e non o contempla como unha oportunidade de negocio.

-Ou de todos eses sectores que se poderían ver beneficiados de maneira indirecta.

-Jacobo: Exacto. O turismo é un 12 % do PIB. Imaxina as oportunidades de networking que se poderían establecer: que coñezas a un australiano facendo surf pola comarca e que, ao final, poidas rematar traballando en proxectos con el. Hoxe en día, a xente traballa moito máis en rede.

-María: E logo está o aspecto da preservación. Se non se lle dá visibilidade a algo, tamén se está moito máis exposto a riscos. Se alguén pensa que sería beneficioso construír un espigón en Razo, porque así desembarcarían moitos buques e se xerarían moitos postos de traballo, non se estaría dando conta de que estaría destruíndo outra fonte de oportunidades. Outra fonte de emprego que non está tan visibilizada.

-Falta moito traballo, máis o avance logrado nos últimos dez ou quince anos é salientable.

-María: Chegar a unha reunión e ver aos alcaldes falar da importancia que ten o sector... [ri]. Estanse dando conta de que o surf é un activo que teñen.

-Jacobo: Ademais, lograr ser Reserva Mundial sería un empuxe a nivel de autoestima. De saír ben, seríamos a segunda en Europa, despois de Ericeira, en Portugal. Só con ser admitidos no proceso, iso significa estar competindo de ti a ti con destinos moi potentes, da talla de Chile, Australia...

-Sendo realistas: hai opcións?

-Jacobo e María: si, a curto medio prazo é factible conseguilo.

-Que fai á Costa da Morte tan especial para lograr algo así?

-Jacobo: Aquí non hai ningunha ola «World Class», pero hai outros factores moi importantes, como que hai unha gran variedade de ondas, con moita consistencia e moi preto unhas das outras. Portugal ten moitísimas olas, pero son todas iguais: toda a costa portuguesa é idéntica. Aquí a configuración das rías lévanos a que, en apenas 30 minutos de coche, teñamos 10 praias distintas.

-E pola entidade que outorga estes recoñecementos?

-María: Creo que tamén. A figura da Reserva Mundial de Surf é unha figura proteccionista. Dende esa perspectiva, eu creo que nós temos unha vantaxe e unha desvantaxe. Onde nos vemos favorecidos? Pois en que competimos con outros destinos moi desprotexidos a nivel normativo. Por exemplo, na actualidade estase facendo campaña para Punta Conejo, en México. Aí chega un magnate, gasta os seus millóns, pecha a praia e xa se quedan sen o seu recurso. Aquí temos moitas normas que protexen os nosos areais. Pero, por outra banda, ao termos un territorio tan amplo e con tantas posibilidades para facer surf, eles teñen moito medo que se masifique se se declara Reserva Mundial. Pasoulles en Ericeira (Portugal): ao estar toda a atención focalizada nun único punto, se non o sabes xestionar pódeseche ir das mans. Aquí, baixo o meu punto de vista, é moi difícil que iso ocorra.

-Sempre hai algunhas excepcións, como Nemiña...

-María: Evidentemente, pero hai que conseguir redireccionar eses fluxos. Aquí hai recursos para facelo: non somos Ericeira, non temos unha soa praia.

O proceso na primeira parte do proxecto

Trátase dunha carta de dous folios na que se expresou a declaración da intención da Costa da Morte de ser Reserva Mundial, e en base á cal Save The Waves valorou se este territorio cumpre as características fundamentais ou non. Segundo Jacobo García, son tres os factores de éxito: que a zona en cuestión teña ondas de boa calidade, que estas se sitúen nun entorno natural e que a sociedade se implique no proxecto. É neste último aspecto, aseguran dende GoodLife, onde haberá que traballar máis, para lograr que o conxunto da sociedade «entenda isto como unha oportunidade». Xa para traballar neste sentido, constituíuse unha xunta xeral para a cal se convidou a membros de confrarías, asociacións ambientais, persoal do sector turístico... Ademais, creouse unha comisión operativa formada por un representante da Deputación da Coruña (Xosé Regueira), polo presidente da Federación Galega de Surf, por un membro da consultora, por dúas persoas do sector do surf elixidas polo propios deportistas e por un «embaixador» da candidatura, unha persoa que actuase como interlocutor entre a ONG Save The Waves e a Costa da Morte. Neste primeiro proceso cobraron especial relevancia as accións promocionais, como a visita a Camelle de Tony Butt, representante en Europa da ONG. Alí, no Cemiterio dos Ingleses, fíxose unha entrega simbólica da carta de candidatura.

Praias incluídas

Caión (A Laracha), Baldaio e Razo (Carballo), Malpica e Seaia (Malpica), A Barra e A Tremosa (Ponteceso), Soesto e Traba (Laxe), Nemiña (Muxía), O Rostro e Mar de Fóra (Fisterra). Son estas doce as praias incluídas na primeira fase do proxecto para a declaración de Reserva Mundial de Surf, pero poderían modificarse en seguintes fases do proxecto.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«É factible que a Costa da Morte sexa Reserva Mundial de Surf a medio prazo»