Miguel Figueira: «Sigo coa ilusión do primeiro día intacta»

Melissa Rodríguez
Melissa Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

JORGE PARRI

O adestrador do Bergantiños conta todo do novo proxecto para a próxima tempada

18 jul 2019 . Actualizado a las 19:02 h.

Non logrou o ascenso á Segunda B, pero si meter ó equipo no play-off (como subcampións) por terceira tempada consecutiva e pasar, por vez primeira, a eliminatoria inicial, así como gañar a primeira Copa Federación Española autonómica do club e pasar varias rondas na fase nacional. El é Miguel Figueira (1974) e seguirá conducindo ó Bergantiños cara o máis alto.

-O plantel está completo xa?

-Si. Estou moi satisfeito de que puidéramos pechalo antes de comezar a adestrar.

-A maiores da liga, que comezará o 25 de agosto, en que competicións participarán?

-Agora na pretempada temos a Copa Deputación, coma sempre. A única que non poderemos xogar é a Copa Federación Española ao clasificarnos para a Copa do Rei, que será sobre novembro-decembro. Fainos moita ilusión volver a estar nesta última grazas ao bo traballo realizado na pasada campaña. Sobre todo, porque nos poida tocar un equipo de Primeira ou Segunda División, a poder ser o Dépor. E despois, na liga, pensando sempre no pasiño a pasiño e en acadar os máximos obxectivos.

-Volve a ser o ascenso a meta principal?

-Este é o meu cuarto ano en Carballo e, como sempre digo, trátase de mellorar a campaña anterior, que é algo que vimos facendo ata agora; en facer mellores números e en quedar na mellor posición posible. Ó final o ascenso é ese obxectivo que todos temos en mente e do que cada vez estamos máis preto.

-Como ve a Terceira División deste ano co descenso do Fabril e do Rápido de Bouzas?

-Moi igualada e competida porque, ademais diso, tamén o Compostela se está reforzando moi ben; creo que o filial do Lugo, o Polvorín, vai ser un rival a ter en cont, ao igual que os dous Ourenses, o Arousa... Entre oito e dez equipos aspiran a estar entre os catro primeiros. Trataremos, coma o ano pasado, de sumar o máximo número de puntos posibles dende o principio, que nos dan esa tranquilidade para traballar durante o ano. Esperemos facer un bo bloque competitivo e que estea ó nivel.

-Neste sentido, houbo moitos cambios no plantel que vai haber que asimilar.

-Si. Buscamos mellorar aqueles aspectos que críamos que nos facían falta, sobre todo, en ataque, con xogadores con máis velocidade e capacidade, varios deles, para facer un número importante de goles, e démoslle continuidade a esa seriedade e traballo na liña defensiva e no medio campo. Creo que a directiva fixo un gran traballo, que se moveu moi rápido, pois houbo algunhas baixas que en principio non contábamos con elas, como a de Cañi, por motivos persoais. Traballou moi ben para esa idea que o corpo técnico temos en mente. Como adestrador, estou moi moi contento do esforzo que fixo o club e do plantel que temos configurado.

-Especifique un pouco máis sobre as fichaxes. Ata tres xogaron no Rápido de Bouzas a pasada tempada, algo que é curioso.

-Son xogadores que xa coñecía de Terceira División [por Duque e Yelco], novos, importantes, con ganas de facer as cousas ben e, sobre todo, con capacidade para mellorar, traballar e facer gol. Despois, están outras incorporacións como Bilal, que creo que é un chaval cun futuro importante; Remeseiro, a veteranía de Antonio, a volta de Iago [o terceiro que procede do Rápido] e a incorporación de Santi Canedo, que son moi boas a nivel individual. Despois haberá que axustalas dentro do colectivo, que é o máis importante.

-Con tres fases de ascenso disputadas, a nivel persoal, como se toma vostede a que será a súa cuarta tempada no club?

-Para min, cada campaña é coma se fose a primeira. Síntome moi agradecido á directiva, ó presidente, porque continúen confiando en min. O Bergan é o meu club, no que eu me criei como xogador e, a verdade, sigo coa ilusión do primeiro día intacta e coas ganas de defender o escudo. Nesta tempada non vale para nada todo o que fixeches antes, aínda que claro que se poden aproveitar certas cousas que se fixeron ben e mellorar as malas. -Non sinte presión por lograr dunha vez por todas o ascenso?

-Díxeno dende o primeiro día que cheguei e que era debutante en Terceira: que a presión que eu me esixía era meterme entre os catro primeiros. E dende o primeiro ano fómonos metendo aí. Creo que cada un ten que pelexar polo seu obxectivo. Eu pelexo cada ano por ser mellor adestrador e por facer mellor ao meu equipo. Non sinto máis nin menos presión. Sentiríaa se me deran un equipo importante como me están dando e non o metera no play-off de ascenso, polo menos. Non entendo o traballo do técnico estando relaxado.

-Vai notar o equipo a ausencia do capitán, Borja Facal?

-Evidentemente si. A súa baixa está por riba de calquera outra. Entendemos que é unha persoa moi importante no club, que ten un peso específico a niveis de coordinación e como adestrador e, como xogador, ninguén lle vai discutir o seu traballo. Só co tempo veremos se somos capaces de darlle ese perfil á banda dereita. Vai cambiar, non vai ser a mesma, pero non se lle pode esixir á xente que vaia xogar aí que sexa como Borja, porque coma el non hai ningún. Cada un debe ser como é e adaptaremos o equipo ás novas circunstancias.