De fronteiras e meridianos


Hai conversas de bar onde dous homes falan como verdadeiros economistas sen tocar a prima de risco ou o déficit. Falan de cando a responsabilidade do paro é dos negros, eses que viven do aire a través de millonarias pensións alimenticias e casa de balde. Chega botar man das novas acaecidas nos últimos anos, séculos e milenios incluso para saber que os movementos migratorios non son unha lotaría ou un capricho por saquear países estranxeiros. Para iso bastaría con falar do Imperialismo Europeo ou do Tratado de Tordesillas.

Non, eu penso naqueles que desgarran a pel no muro de Melilla, muros disuasorios que rachan a pel. Penso, asemade, naqueles que morren despois de días e días en travesía. Nos seus corpos, que son tirados ao mar, como refugallo, ate chegaren ao fondo. Tan lonxe da súa patria. Ás veces recordo as fotos daquel neno que apareceu na praia, mortiño, como un anxo que as ondas devolveron á terra. El é a foto visible, esa que compartimos nas redes, poñendo emoticonos tristes e frases que duran tanto como un suspiro. Eles non teñen nome, son fillos do mar, morren nel e o argazo envólveos no fondo. O seu gran pecado é buscar pan para os seus fillos, querer traballar dignamente, fuxir da guerra, das bombas que estouran cada día a carón de casas e escolas. Son uns pecadores, nós uns desmemoriados de demencia precoz. Nós somos fillos e netos de emigrantes, aqueles que choraban desconsolados no Porto da Coruña esperando os barcos para as Américas. Esquecemos moi pronto o que é a soidade de estar perante un país estraño. Somos o país construído polas remesas que enviaban os nosos dende países solidarios. Países que non entendían de meridianos nin de fronteiras.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

De fronteiras e meridianos