«Na guerra, as estibadoras de Vietnam cambiaban pistolas novas por arroz»

LOBOS DE MAR | Capitán xubilado da mariña mercante que viviu a cabalo entre o mar, o seu O Vicedo natal e EE.UU. de América, José Montero navegou de oficial en buques civís de transporte alugados polos EUA. Esta é a súa historia


Redaccón / La Voz

Transplantáronlle as córneas e loce «ollos novos» cos que ve a vida coa lúcida serenidade de quen ten moita. Diante da súa casa, erguida sobre as paredes dunha antiga fábrica de salgadura, a ría do Vicedo. Fará noventa anos en outubro e apóiase nun bastón pola vertixe, pero rexeita axuda na empinada costa que leva ao seu xardín. Vive só, porta con porta cuns parentes, cociña, limpa, toma viño ao mediodía, conduce acotío e emana desenvoltura. É José Montero Sánchez, capitán da mariña mercante xubilado, o dono do muro das bandeiras no Vicedo. Repartiu a súa existencia entre a súa vila e os Estados Unidos, onde tivo casa ata o ano pasado, onde viven as súas dúas fillas e a onde volve decote, como sempre regresou á súa vila natal.

A un «cando sexa máis maior quero estar coma vostede» responde sorrindo con «un non me queixo». Os anos mellor contalos, sobre todo co ben que os leva Pepe Montero, como o coñecen no Vicedo. Só con media hora de amable e xenerosa charla a súa é unha desas vidas de novela.

Fillo dun armador de dúas tarrafas, que vendeu ao rematar a Guerra Civil, emigrou con 24 anos, ao casar cunha americana que foi ao Vicedo para coñecer á familia. En Cayo Hueso (Florida) mercou a tenda de alimentación do sogro e foille «moi ben, moi ben, ata que me metín en algo máis gordo, noutro estado, en Nova Orleáns». Alí «mal, moi mal, non polo negocio, senón porque non era cidadán americano e, ademais de selo, había que ter licenza para vender bebidas alcohólicas».

Aos 31 anos empezou no mar, «de temoneiro nun barco do Exército de Terra dos EUA». Durante tres anos navegaba «desde Porto Rico a Nova Orleáns, o canal de Panamá e algunhas veces á República Dominicana». Transportaban comida e munición. Ao barco militar levárono para California, «pero non quixen ir e empecei na mariña mercante civil».

Despois, coa experiencia como temoneiro e contramestre, continuou formándose na escola náutica, onde obtivo licenzas, «desde terceiro oficial a capitán». Navegou «de terceiro e segundo en todo, e en todo tipo de mercantes, excepto en petroleiros».

Como mariño civil asistiu a unha cruenta guerra do século pasado, a de Vietnam. «Por tres anos seguidos traballei de oficial en barcos de seis bodegas; nunha levabamos comida e no resto munición». Buques alugados polo Exército, «malísimos, porque se os tombaban non se perdía nada, só as persoas, se non se salvaban». Neles navegaban de doce a catorce días polo Pacífico, do leste americano ao sueste asiático, e outros tantos á volta.

Sen saír de a bordo, protexidos con chalecos e cascos, na zona bélica pasaban «entre tres e catro días, para descargar, cando se podía, porque ás veces, cando subiamos polos ríos, metrallaban seguido desde as dúas beiras». «Ninguén quería ir a Vietnam e nunca dicían o destino, sempre era alta mar». A el «tampouco» lle gustaba, «pero despois non me importaba, pagaban o dobre e nunca tiven pánico». Algúns tripulantes do barco «intercambiaban coas estibadoras de Vietnam, que sempre eran mulleres; por un puñado de arroz elas dábanlles unha pistola do nove longo sen estrear... Había moita fame».

Xubilouse en 1989, despois de 29 anos navegando -guerra incluída-, dun ciclón en terra, en Nova Orleáns, e outro en México no mar, «pero o que máis medo me dou foi un tifón nas Filipinas». Cambiou de rumbo, «non puidemos escaparlle e, de golpe, un día claro coma o de hoxe cambiou coma se fose a noite máis escura que houbo no mundo enteiro, e aí si, puxéronseme aquí», di sinalando a gorxa e rindo picaramente. El e o resto da tripulación tiveron sorte, porque «o tifón non nos fixo gran dano, aínda que si aos botes na cuberta e ao barco».

«Os xubilados do mar merecen un trato especial, cobran moi pouco»

Ao xubilarse, «porque claro que a terra sempre chama», retornou definitivamente ao Vicedo. Atrás quedaban case tres décadas nas que «traballabamos seis meses e outros seis eran vacacións». Do mesmo xeito que sempre vai periodicamente a Nova Orleáns, as súas dúas fillas veñen ao Vicedo.

A súa existencia transcorre polas mañás na casa dende a que divisa a ría do Vicedo. Ao mediodía tocan viños cos amigos e, polas tardes, momentos de vagar con outros lobos de mar no peirao do Vicedo, onde conseguiron que Portos lles montase unha marquesiña para non tremer de frío nin torrarse co sol.

Cobra dúas pensións dos EUA, «unha da seguridade social e outra do mar, pero son moi cativas as dúas». En todo caso «non poden ser máis cativas que as dos xubilados do mar de aquí», o que lle doe tanto que non dubida en reclamar para eles «un trato especial, cobran moi pouco: por exemplo, que lles deixen ir a pescar ou a coller algo á praia para comer, que menos que iso?».

Aínda que tivo un bote, el non vai, «porque non me chama grande atención a pesca», ao contrario que «o mar no que vivín sempre, que si me chama». Dito iso, Pepe Montero non dubida: «Non collería outra carreira que non fose o mundo do mar». Explícase: «Pola vida na mariña mercante, polo ben que trataron sempre... Hai quen fala de discriminación, pero se produces non a hai, vantaxes que non tes en España». Por exemplo, lembra que cando empezou nos EUA «non me pedían nin bacharel nin ningún título, pero cos días de mar e coa escola son capitán de mariña mercante e podo levar o barco máis grande, de aquí a Hong Kong ou de aquí á Coruña». Aínda así, «porque non teño carácter, nunca exercín de capitán, si o fixen de primeiro oficial».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Na guerra, as estibadoras de Vietnam cambiaban pistolas novas por arroz»