«O público para nós é parte do grupo, buscamos un concerto interactivo»

N. Guillermo, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ENTREVISTA | XAQUÍN XESTEIRA | O grupo Treixadura pechará este sábado os actos da quinta edición do Festifolk Costa da Morte, en Carballo. Xesteira é un dos membros fundadores

13 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Este sábado 13 de xullo celébrase en Carballo unha nova edición do Festifolk Costa da Morte. Como cabeza de cartel e peche do encontro actúa este ano Treixadura (22.35 horas, Praza do Concello, gratuíto). O grupo ofrecerá, a bo seguro, algunhas das pezas do seu último traballo, Inda Canto: disto e doutras cuestións falou en Radio Voz Xaquín Xesteira, un dos membros fundadoras da banda, no ano 1990. «Si, xa hai historia. É practicamente toda unha vida. Pasaron 29 anos, e aí estamos, intentando seguir gozando da música do país, que é o máis importante», indica.

-Con tantos anos de vida é normal que haxa cambios respecto á formación orixinal, pero a esencia mantense.

-Nós coidamos que si, niso sempre fomos moi esixentes respecto a que a sonoridade e o estilo, e a sensación que pode producir tanto en nós como no público, sexa sempre ese norte que marcamos alá polo ano 1990, cando nos xuntamos para formar o grupo.

-No 2003 nace o Orfeón Treixadura, como consecuencia dun traballo editado nese ano.

-Si, no ano 2003 editouse Unha noite non é nada, que foi o terceiro disco do grupo, e estaba gravado xa desde o 2002. O que pasa é que tardamos en buscar quen nolo editara. Aí xuntamos un tema que é unha escolma de melodías tradicionais para a que decidimos chamar a amigos do grupo cos que coincidiamos de festa e que sabiamos que eran seguidores do grupo, que lles gustaba, e viñeron cantar con nós esta foliada. A raíz deste disco a resposta do público foi impresionante. Entón seguiuse nesa liña, en principio dunha forma puntual, pero o seguinte traballo decidimos facelo máis centrado no Orfeón, e que foi o que deu o empurrón ao grupo realmente. Se hoxe en día Treixadura está onde está é grazas ao Orfeón. A música cantada chega un pouco máis que a instrumental. Nós sempre quixemos cantar, pero as voces dos gaiteiros non eran tan exquisitas como as das persoas que están detrás cantando.

-Imos poder gozar do «pack» completo este sábado en Carballo?

-Por suposto. No 2006 saíu Unha semaniña enteira. Decidimos que as saídas do grupo para dar concertos ían ser sempre co Orfeón. Antes faciamos a distinción, pero no 2012 pasamos a ser todos Treixadura, porque todos eramos un. Ese disco inclúe todas as cancións emblemáticas. Levamos vendidos ao redor de 18.000 copias, é un punto clave para saber que a entrada do Orfeón no grupo foi un punto de inflexión. Non é nada novo, porque somos un grupo de gaiteiros con voces; o acordeón é o único que nos pode diferenciar dun coro galego. Buscamos que a mostra da música galega tradicional sexa presentada nas mellores condicións, procurando sempre que o público valore esta música por riba dos grupos. Afortunadamente, a xente sae moi contenta dos concertos e ten esa sensación de sentirse identificada coa música de Treixadura, que non deixa de ser tradicional na maior parte dos casos, e no caso da música de autor está inspirada nesta.

-Teñen novo traballo, «Inda Canto!», e está a funcionar moi ben.

-Si, tanto o ano pasado como este estamos tendo una tempada moi produtiva. Damos bastantes concertos e iso é grazas a que o público reclama que Treixadura pase de vez en cando polas súas vilas. Estamos totalmente agradecidos e sentímonos honrados de que o público nos reclame para compartir un concerto. Queremos que a xente cante con nós, que participe. Buscamos un concerto interactivo. O público para nós é parte do grupo, do concerto.