Pan Sen Fron: «Temos pezas tomadas de moitas músicas de pandeireta do mundo»

Pandeireteiras Sen Fronteiros, de A Coruña, actuarán mañá no Festifolk cun repertorio no que fusionan tradición popular galega con ritmos do mundo


Carballo / La Voz

Como case todas as cousas boas, Pan Sen Fron naceu no 2014 «case por casualidade». Formouse na Coruña con músicos de moi diversas procedencias, pero cun sentir común: a necesidade de mergullarse na tradición oral galega para recuperar ese gran patrimonio inmaterial baseado na música de raíz.

Xurxo Fernandes dirixe Pandeireteiras Sen Fronteiros e, paralelamente, encárgase do traballo de campo. «Temos pezas que fomos recollendo por toda Galicia [..] e outras que xurdiron do encontro con outras músicas de pandeiretas de todo o mundo. Hai un leit motiv no noso grupo, e son as nosas viaxes por Marrocos, Huelva, Turquía, Bulgaria, Grecia... Diferentes lugares nos que fomos recollendo material. Ao final, estes encontros son o que te levas para a casa», reflexiona Fernandes, que se congratula de que «no Festifolk se abrise a pita e poidamos entrar tamén os pandeireteiros», bromea o músico, que xa escoitara falar deste festival por outro grupo coruñés que participou nalgunha edición anterior.

Uns 15 compoñentes viaxarán mañá ata Carballo cun repertorio que partirá dunha base galega para, despois, ir explorando «a periferia mediterránea», segundo explica Fernandes. Veñen 15, pero é difícil facer o cálculo de cantos son en realidade. «Iso é algo que non sabemos nin nós mesmos [ri]. Temos unha forma alternativa e moi aberta de entender a agrupación, polo que o número de compoñentes varía moito dunha circunstancia a outra», comenta o director de Pandeireteiras Sen Fronteiros.

Un repertorio multicultural e cheo de sons internacionais que, fusionados cunha sólida base tradicional galega, forman unha experiencia digna de ver (e escoitar). Tomen boa nota: mañá, ás oito da tarde (xusto antes do desfile das agrupacións de gaiteiros), teñen unha cita coa cultura popular na Praza do Concello de Carballo.

«Non se pode fuxir deste mundo da globalización no que vivimos»

Hai un claro motivo polo que Pan Sen Fron basea o seu traballo na recolecta de pezas populares galegas para a súa posta en común, despois, con outras músicas do mundo: «Vivimos nun mundo da globalización do que non se pode fuxir», indica Xurxo Fernandes. Paga a pena entón, segundo el, abrazar este mundo global para, asi, «estar en sintonía» co mundo que nos rodea. Respecto á percusión escollida para a súa música, a pandeireta, Xurxo explica que é «un dos poucos instrumentos internacionais que hai» despois das palmas e dalgún tipo primitivo de pandeiro. Ademais do intercambio cultural logrado a través das súas viaxes polo mundo, tamén establecen contactos con outras agrupacións musicais, coas que comparten experiencias.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Pan Sen Fron: «Temos pezas tomadas de moitas músicas de pandeireta do mundo»