Antonio González: «Foi sacar o pé do pedal e non me acordo de máis»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

JORGE PARRI

A subida do Gran Fondo Ézaro e un trauma que non acaba de superar provocaron que o presidente do Club Ciclista Cee se desvanecera

10 jul 2019 . Actualizado a las 22:06 h.

Ten 55 anos e leva os últimos 34 practicando ciclismo. Preside, ademais, o Club Ciclista Cee. Non obstante, toda esta experiencia de pouco lle serviu a Antonio González Franco (O Ézaro-Dumbría) o pasado domingo na disputa do Gran Fondo, única proba de España incluída nas series mundiais da Unión Ciclista Internacional: «No desenvolvemento da cita houbo algún que outro contratempo, pero o único que tivo que facer uso da ambulancia fun eu», comenta.

-Que lle sucedeu?

-Apunteime ó percorrido largo, pero fixen o curto, porque por estar non estaba en forma nin para completar este último. Pero tiña que ir si ou si, porque é a proba do meu pobo. E fun moi ben todo o camiño. De marabilla, estupendamente. Mais no tempo que tiña previsto. Pero foi chegar á rampla de cemento final, onde hai que dar todo canto tes para pasala que, xusto cando rematou, cando me quedaban uns 800 metros para cruzar a meta, comecei a atoparme mal. E comentei en voz alta: ‘Estoume mareando’. Foi sacar o pé do pedal e non me acordo de máis. Despois contáronme que un amigo meu que, ademais, é técnico de ambulancia, xa me viu mal e recolleume antes de que caera ó chan. Polo visto estiven entre quince e vinte minutos inconsciente. E despois espertei na ambulancia e preguntei: ‘Que fago aquí se eu estaba subindo cara o Mirador do Ézaro?’.

-Que lle dixeron os médicos?

-Houbo quen pensou que fora un infarto, pois é o que lle adoita pasar a deportistas da miña idade. Tamén, un golpe de calor. Pero foi unha baixada de tensión, tíñaa baixísima. Pero non foi só a calor, pois non había tanta, digamos que un cúmulo de factores. Este ano estou en moi mala forma física, porque non tiven tempo de adestrar todo o que debería. Tamén creo que bebín pouco. Ademais, concentrei moito esforzo nese punto, porque estaba todo o mundo apoiándome e tiña que dalo callo. Pero tamén está outro tema ó que lle dou máis importancia. O pasado domingo tocoume a min ser o primeiro en atoparme cun accidente mortal aquí en Cee e, polo tanto, dar aviso a emerxencias. Con tan mala sorte que a vítima era un coñecido meu [fala do futbolista do Ameixenda, Bruno Castro]. E sentoume moi mal. Estiven sen durmir e sen descansar toda a semana, pois espertaba sobresaltado ás tres da mañá. E se non descansas, non rendes. Falei con bombeiros, axentes de Protección Civil... e xa me dixeron que as persoas que pasamos por unha situación así, non a esquecemos na vida. E así é que non o saco da cabeza. Fisicamente afecta.

-Algunha vez lle pasara iso nunha proba?

-Levo 34 anos practicando ciclismo e presumo moito de coñecer o meu corpo e ata onde podo chegar, pero onte caín, tocoume a min. É a primeira vez que me pasa, pois teño estado igual de mal que agora e chegar sen ningún tipo de problema.

-Non se lle pasou pola cabeza non participar?

-Quedar na casa ía ser peor, pois íalle dar máis voltas ao tema este que me ten tocado estes días. Os amigos recomendáronme ir para despexar a mente. E así foi, que cando levaba o 80% dos quilómetros totais feitos non tiven nin un só pensamento negativo. Ía feliz.

-Era o seu primeiro Gran Fondo Ézaro?

-Participei en todas as edicións, nas cinco últimas que se levan realizando baixo este nome, máis nas dúas anteriores de Desafío. E todas as acabei. As primeiras veces corrín a larga. Este era o terceiro ano que facía a curta. Igualmente, completei o percorrido grande o domingo anterior para dicir que o fixera, pois xa vía que ía ter que facer o outro. Eu sempre tiro para arriba, despois se chego, ben, senón, pois cambio.

-Como se sinte agora?

-Ben e moi agradecido a toda a xente que me recolleu e a todo o persoal da ambulancia, na que estiven hora e media. Foron moi profesionais. Agora xa penso na carreira de Muxía do próximo domingo porque teño o meu calendario feito e, unha vez que sei como remediar o que me pasou, non podo perderme o Circuíto Correndo pola Costa da Morte. Iso si, na saída voulles deixar o meu dorsal por se non chego [ri]. A min quítasme o deporte e mátasme. Dende que teño uso de razón levo facendo deporte. Ciclismo, desde os 21 anos. Xa me dixo onte miña nai: ‘Non volves máis’. E xa lle dixen eu: ‘Vas ter que amarrarme’.