Xosé Regueira: «Dombate debería ser autonómico»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

Cree o novo vicepresidente da Deputación da Coruña que o patrimonio de primeiro nivel debería ser xestionado pola Administración «que ten as competencias»

07 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Tarefa de gran responsabilidade a que se lle presenta a Xosé Regueira Varela (A Coruña, 1967) de cara aos próximos catro anos. Recentemente elixido vicepresidente da Deputación da Coruña, seguirá levando as mesmas áreas que até o de agora.

-Deixoulle Goretti Sanmartín o listón ben alto. Seguirá a liña de traballo que marcou ela?

-Goretti era deputada de Cultura, e eu, de Turismo e Plans, polo que, aínda que a maneira de afrontar a Vicepresidencia sexa a mesma, as áreas de xestión son ben diferentes. O meu é un labor que se centra máis en abastecer de fondos ás Administracións locais, que non é pouca cousa. Cólloo con ilusión, pero tamén con moita responsabilidade. Se me preguntan hai dous meses se me vía nestas cuestións, nunca se me tería pasado pola cabeza [ri].

-Pois cando se coñeceu a noticia non causou gran sorpresa: parece que era o agardado

-Pois eu hai uns meses tiña a ilusión de quedarme catro anos en Carballo e dedicarme á xestión pura e dura municipal. Pero para min é un orgullo chegar a onde chegaron persoas como a propia Goretti ou Xaime Bello, que para min son referentes.

-Que retos se marcan de cara a este próximo mandato?

-Tiñamos un obxectivo hai catro anos que eu creo que se superou con creces, que era mellorar a autonomía local e achegarlles moitos máis orzamentos aos Concellos, para que despois estes decidisen en que gastalos. Para este mandato queremos seguir avanzando neste plan, pero tamén iniciar un proceso de transferencias ás entidades locais e á comunidade autónoma que mellore a xestión das propias Administracións. Por exemplo, o lóxico sería que o patrimonio de primeiro nivel fose xestionado pola Administración competente nesta área, que é ademais a que nos pon os condicionantes todos habidos e por haber ás outras entidades. Dombate, por citar un caso, entendemos que debería ser un patrimonio de ámbito autonómico, e non provincial.

Outros obxectivos: mellorar a empregabilidade, as oportunidades no medio rural e solucionar as necesidades que teñen os entramados administrativos dos pequenos concellos. Estalles custando moitísimo traballo, por exemplo, licitar todo o diñeiro que lle estamos transferindo dende aquí.

-Como vai o Parque do Megalitismo da Costa da Morte?

-Estamos avanzando. A ver agora como queda a iniciativa dos concellos que mudaron de goberno. Temos documentos xa que nos fixeron chegar no seu momento os concellos de Zas e Vimianzo, sobre todo, avanzando xa na compra dos túmulos incluídos no proxecto. Un dos obxectivos sería que de cara ao 2020 puideran pasar ao público, se non todos, a gran maioría dos dolmens dese parque. Ademais, o reto é ter tamén unha estratexia turística para contar o noso relato histórico tanto a nivel educativo como un complemento aos nosos recursos turísticos.

-Preocúpalle que os cambios de alcaldía nos concellos afecte ao porvir destes proxectos?

-Persoalmente, o que me demostra a rutina diaria é que hai máis ou menos afinidade segundo as persoas, pero nos cinco parques que temos a nivel provincial estamos traballando persoas de tódalas cores políticas. Cando o obxectivo está claro, cando hai un interese social e cando hai un bo proxecto, os cambios políticos deberíanse notar pouco. Teño confianza en que siga existindo o entendemento que houbo até o de agora, e que eses proxectos sigan andando a bo ritmo.

«Debería haber moita máis implicación do sector privado en probas deportivas, tamén despois reverte nas súas caixas»

Regueira asegura que as entidades deportivas teñen complicado atopar alianzas co sector privado.

-Houbo contactos entre Deputación e a entidade promotora do Xeoparque Costa da Morte?

-O que coñezo deste proxecto, coñézoo sobre todo pola prensa. Sei que hai unha intención, pero para ter un xeoparque hai que ter un tótem xeolóxico que sirva como máquina para que esa candidatura formulada á Unesco avance; pero tamén hai que cumprir outra serie de cuestións. De momento o contacto con nós non se produciu. Contémplanse as alianzas co sector privado para moitas cuestións, pero logo son as Administracións públicas as que toman as decisións nos proxectos.

-Que hai da homologación do Camiño dos Faros?

-Estou bastante sorprendido por unhas informacións que saíron estes días nas que se falaba dun «hipotético» apoio da Deputación. De hipotético nada, porque o ente provincial asinou un convenio coa asociación xestora hai dous anos para a homologación do camiño. Un convenio que está prorrogado ata finais deste ano, e do que estamos agardando os froitos.

-Hoxe é o Gran Fondo Ézaro, unha cita que, xunto con outras, demostrou o gran potencial turístico que teñen os eventos deportivos.

-Estou completamente de acordo, pero creo que hai que ter en conta algunhas cousas. Sempre digo isto, e sei que me arrisco, pero cando se xeran economías, o sector que, dalgunha maneira, as mete en caixa, tamén ten que apoiar. O sector privado ten que emerxer dalgunha maneira. O que nos trasladan moitas entidades deportivas, que invisten moito voluntariado e mesmo cartos dos seus petos, é que debería haber moita máis implicación do sector privado. Temos que preguntarnos se todos estamos apoiando por igual.

-Falta de interese, de implicación, de iniciativa... Que sucede?

-Cando estas citas xorden das entidades deportivas debería haber moita máis implicación do sector privado, porque tamén despois lles vai a reverter na súa caixa. A esponsorización está resultando complicada.

«Hai Concellos que decidimos poñer menos quilómetros de asfalto e investir noutras cousas»

Cree Xosé Regueira que a boa intención de potenciar o turismo non se plasma nos orzamentos.

-Falta traballo en equipo entre as Administracións locais?

-Que haxa unha estratexia común é fundamental, aínda que despois cada Concello teña os seus propios intereses. Ás veces, hai Concellos que decidimos poñer menos quilómetros de asfalto porque queremos investir noutro tipo de cousas. Despois hai unha cousa moi curiosa: de turismo falamos todos, pero despois iso non o demostran os orzamentos municipais.

-Como valora os resultados do BNG nas últimas municipais?

-Os resultados teñen que facernos reflexionar sobre o que estamos facendo. Estamos satisfeitos porque melloramos respecto ás anteriores, pero estamos en fase de reflexión sobre o que nos queda por avanzar. Se non temos a confianza da xente, témola que gañar, e para iso temos que falar moito máis coa sociedade e mudar algunhas metodoloxías de traballo.

Eu creo que as alcaldías non se gañan, as alcaldías pérdense. Se o proxecto que se está executando no Concello non é discutido polos cidadáns, é case imposible de derrocar. Pero hai que ter un proxecto e un equipo preparado, por se xorde a oportunidade.