Ezequiel Mosquera: «O melloriño do ciclismo galego estará no Gran Fondo Ézaro»

verónica couto / l. r. / m. r. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

JORGE PARRI

O espectáculo ciclista máis grande de Galicia, e única proba UCI de España, celébrase hoxe en Dumbría e arredores

07 jul 2019 . Actualizado a las 11:16 h.

A marea ciclista do Gran Fondo Ézaro volverá inundar hoxe a Costa da Morte nunha nova edición. O exciclista español e coordinador da proba, Ezequiel Mosquera, comentou onte en Radio Voz Bergantiños todos os detalles, sen esquecer o máis importante: a dureza do percorrido.

-Pódese dicir que estamos fronte a unha proba xa consolidada?

-Si. É unha proba con moito arraigo social e mediático, sobre todo, na comarca. Isto é un pouco o obxectivo que se busca, dar a coñecer a comarca, a singularidade da Costa da Morte, e de Galicia en xeral, a través do ciclismo e do deporte.

-Cal é o número de persoas inscritas?

-Hai unhas 1.500, a falta de contabilizar algún convidado. Atopámonos xusto no límite do espazo que temos. O Ézaro é tan bonito como minúsculo para algunhas cousas, no referido a aceptar servizos, dar comida, facilitar duchas, etcétera.

-En calquera caso, esa paisaxe coa que contan vale a pena!

-O bonito é que se poida saír nunha paraxe dun marco único. Incluso os novos sponsers que veñen a coñecer a zona para ver como lles quedará a foto do seu produto na saída e na meta flipan coa paisaxe en xeral, non só co Ézaro.

-Está todo listo?

-Listo non está nada nunca. Este tipo de eventos hai que vivilos para coñecelos e saber o estres que conlevan. Tócanse moitísimas frontes: dende a atención, material e servizos para o participante, que son moitísimos, ata o corte de estradas, os aprovisionamentos, a sinalización, a montaxe de saída e de meta, o catering... En definitiva, hai tantas cousas que é moi difícil que non che medren os ananos. O importante é que o que suceda dentro do evento, o participante non o note. Hai que traballar o mellor posible.

-É unha vantaxe que na organización haxa persoas coma vostede que nalgún momento estiveron no outro lado?

-Esta é unha proba distinta. É certo que eu estiven no outro lado, pero en competicións doutro estilo. Pódense definir como competicións máis profesionais, duns 200 participantes. Por exemplo, a volta a España, que é, ao sumo, media hora dende que pasas a bandeira verde ata a bandeira vermella, que significa o peche de carreira. Aquí é distinto. O pelotón agrupado ten 10 quilómetros. Cando empezan os primeiros a ir máis rápido e os últimos a ir máis despazo, pois do primeiro ao último hai ao mellor dúas horas e media de diferenza. Imaxinade o que ocasiona iso nas estradas.

-Hai cambios importantes no percorrido final?

-É certo que había un cambio na ida, pero non importante. Indo de Cee cara Muxía, iamos por unha estrada que estaba un pouco condicionada ao arranxo da mesma nos meses previos á proba. Non se arranxou en prazo e non estaba en condicións para que a proba pasase por alí, polo que tivemos que buscar un plan B, pero que apenas altera a orografía da volta. Case non varían os quilómetros nin cambia para nada a dureza da mesma.

- A proba trae ata Dumbría caras coñecidas e deportistas de gran nivel. Este ano volve a ser así?

-Claro! Por unha parte está o pelotón enorme, que é o que nos trae tanta xente; unha mostra do fervor que ten o cicloturista e o ciclista popular por participar nesta proba. Despois, nós tratamos de traer algunha figura para que a xente teña o pracer de pedalear ao seu lado como Induráin, Claudio Chiapucchi e Pável Tonkov. A parte de Álvaro Pino, Óscar Pereiro, Alex Márquez... Todo o melloriño do ciclismo galego do pasado e do máis presente estará no Gran Fondo Ézaro.

-E que espera a organización do día de hoxe?

-O primeiro que queremos é que non chova. Que nos respecte o tempo é moi importante para que a xente poida gozar do día por aquí. Se non hai imprevisto algún, a proba sairá perfecta. Témolo todo! Incluídos voluntarios de Protección Civil, a Garda Civil de Tráfico e colaboradores. Todos eles implícanse moito. Sen eles non sería posible.