Os retos deste mandato

La Voz

CARBALLO

02 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Goberno. «Aínda non está rematado de todo, pero a nosa idea é ter dúas dedicacións exclusivas, Alcaldía e Obras e Servizos [que recae en Carlos Allo], coma no último mandato».

Economía. «Manter a débeda cero e a estabilidade orzamentaria. Iso é imprescindible para o Concello porque a partir de aí podes investir fondos noutras áreas como Cultura, Obras e Patrimonio».

Poboación. «Temos 4.600 veciños censados. Non temos competencias neste eido. É moi complicado. Só fixas poboación se hai traballo e o sector primario profesionalizouse de tal forma que quedan poucas explotacións, pero de grandes dimensións. O sector forestal sería unha boa alternativa, pero o monte está abandonado. O sector do turismo e o sector servizos son estacionais. Queda o sector secundario, pero, claro, no caso de Cabana fallaron algunhas alternativas nas que fracasei, pero non foi por intentalo».

Polígono. «Temos terreos reservados no plan xeral. Queremos habilitar 250.000 metros cadrados brutos, cun custo de construción de 7 millóns de euros. O proxecto atópase dentro do plan de áreas industriais de Galicia. Hai 101 áreas prioritarias e falta o financiamento. E a nosa idea é a de insistir neste mandato, que non sexa por non intentalo»

«Coworking». «Celebraremos a cuarta edición e xa temos vinte proxectos. Trátase dunha gran iniciativa para o emprendemento no rural. Os emprendedores dan a coñecer as súas experiencias e os seus proxectos e intercambian coñecemento, que é o importante. As tres anteriores edicións foron un éxito e a vindeira tamén o será».

Turismo. «O proxecto, para min, máis interesante que temos enriba da mesa todos os concellos de Bergantiños é a recuperación e a posta en valor do Anllóns. Temos que recuperalo en fauna e flora, sinalizar todo o percorrido e dotalo de todas as infraestruturas necesarias para a súa posta en valor. Se me apura, a recuperación do Anllóns debe ser o gran proxecto de promoción turística dos vindeiros catro anos».

Torre da Penela. «Este mandato será o da súa posta en valor. Temos un proxecto no Concello de Cabana orzamentado entre 250.000 e 300.000 euros para a súa rehabilitación».

Dombate. «Como catedral do megalitismo en Galicia, temos que ser a porta de entrada e saída. Temos que loitar por unha aula didáctica, que serva para impulsar todo o que ofrece Dombate ao turista en canto a coñecemento e posta en valor da cultura megalítica».

Castro da Cidá. «Estamos pendentes de que a Xunta remate o proxecto presentado en Patrimonio para comezar a darlle pulo».