Unha rapaza pegada a unha pandeireta

EN PRIMEIRA PERSOA | ESCRIBE ICÍA VARELA | «Téñolle que dar grazas a moitas persoas por involucrarme no mundo musical, mais especialmente a miña nai. A medida que unha vai madurando, vaise dando conta de cales son as súas paixóns. A miña, sen lugar a dúbidas, é a música: dende arias líricas de séculos pasados até a muiñeira vella da miña parroquia, Cerqueda»


Nacín da barriga dunha pandeireteira, escoitando as cantigas que ela e as súas compañeiras de grupo cantaban de actuación en actuación, de concerto en concerto, de escenario en escenario.

Se quero pórme a recordar cando comecei a cantar podo asegurar que non teño o recordo. O que si lembro é ser unha rapaza arrimada todo o día a unha pandeireta. Téñolle que dar grazas a moitas persoas por involucrarme no mundo musical, mais especialmente teño que agradecerllo a miña nai. A medida que unha vai madurando, vaise dando conta de cales son as súas paixóns. A miña, sen lugar a dúbidas, é a música: dende arias líricas de séculos pasados até a muiñeira vella da miña parroquia, Cerqueda. Penso que isto xa me viña instaurado no ADN.

Tiven grandes profesores aos que agradecer o enorme traballo que fixeron e fan a diario en min. Dende a profesora de canto lírico, María José Ladra, a todos os que tiven tanto de música tradicional como de música clásica e moderna. Aínda que queda un longo camiño de aprendizaxe, foi grazas a eles por quen aprendín todo o que a día de hoxe sei.

Arredor do ano 2008 comecei a miña formación no eido musical na Escola de Música Municipal da Coruña, estudando acordeón con Gala Zatvur. Levo dende o ano 2010 estudando e formándome profesionalmente, primeiro co acordeón e finalmente decantada polo canto lírico no Conservatorio Profesional de Música da cidade herculina, onde a día de hoxe tamén aprendo algunhas nocións de piano.

Cursei bacharelato humanístico e na actualidade estudo un dobre grao de Filoloxía Inglesa e Galego-Portuguesa. En coautoría con meu pai, en decembro do 2014 sacamos á luz a narración O grilo Míllelo (Edicións Embora), unha historia que levaba escrita dende que eu era ben cativa. No 2015 tiven a grandísima oportunidade de comezar a ser profesora de pandeireta na asociación que me viu nacer, a Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda. Encántame ver crecer os meus alumnos e alumnas tanto musicalmente como persoalmente, pero o que máis me gusta é compartirlles a paixón pola música e, sobre todo, que gocen tanto dela como eu o fago.

Ademais disto, tiven a enorme sorte de participar na xira do ano 2018 da grande artista galega María Xosé Silvar. Compartir escenario con ela e a súa banda foi unha das mellores experiencias que vivín na miña vida até agora. Subir con eles aos palcos de toda Galicia é sentir un cúmulo de sentimentos que non se pode explicar soamente con palabras. Son unha xente marabillosa que gardarei no meu corazón para sempre. Ademais dela, tamén compartín escenario en múltiples veces con outros artistas galegos de sona, como son Mercedes Peón ou Xabier Díaz. Con este último puiden cantar recentemente a Cantiga da Montaña, nesta última edición do Festiletras, no Couto. A sensación vivida foi espectacular e moi emocionante.

Atopar con xente coma esta polo camiño vai facendo que a música teña aínda moito máis valor e sentido. Apréndese moito musicalmente con eles, mais tamén creces como persoa. Outra das importantes experiencias que puiden vivir foi viaxar ao país veciño, Francia. Desprazámonos alí para amosarlles aos franceses a calidade da música tradicional galega. Viaxei por tres veces: ao festival de Culturas do mundo de Montignac e ao festival celta máis importante do mundo, o Festival Interceltique de Lorient, coa banda de gaitas da Asociación Cultural Malante de Malpica de Bergantiños, e ao festival de culturas do mundo de Gannat coa Asociación Cultural Xacarandaina da Coruña, coa que este verán repetirei a viaxe ao festival celta de Lorient.

Actualmente, grazas a persoas magníficas que se van atopando polo camiño, teño un proxecto musical en proceso que espero que pronto vexa a luz. O camiño será longo, mais estou segura de que aprenderei moito e que gozarei moi del.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Unha rapaza pegada a unha pandeireta