Fareiros das Sisargas: de España toda a Malpica

juan félix neira pérez

CARBALLO

JUAN FÉLIX NEIRA

CRÓNICA HISTÓRICA | Dende 1856 ata 1915 naceron na Sisarga Grande 22 persoas, todas bautizadas na igrexa de San Xulián

29 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco Benlloch Buigues, natural de Alacant, chegou en 1901 como fareiro a Touriñán. Hai uns días, máis de cen persoas vinculadas a ese apelido celebraron un xantar en Muxía.

Sen dúbida difícil sería a vida naquel arredado lugar a comezos de século, pero máis todavía noutro lugar emblemático da nosa costa: as Illas Sisargas. Desde 1856 ata 1915 naceron na Sisarga Grande vintedúas persoas, todas bautizadas no lugar que lles correspondía: a igrexa de San Xulián da Vila de Malpica. Nalgunha ocasión apadriñaron aos recén nacidos os cónxuxes da outra familia que habitaba na illa, a do segundo torreiro.

Todos eles eran, segundo consta nas partidas bautismais, «vecinos y residentes en las Sisargas», na «casa del faro», ou «empleados en el faro». Iso si: había uns «torreros principales» e un «segundo torrero».

Por ser de designación estatal, a orixe dos torreiros das Sisargas e das súas donas era moi variada, por suposto tamén de fóra de Galicia, como o Benlloch de Touriñán. Algúns naceran en Ferrol, Fene ou Cedeira, ou na provincia de Pontevedra, caso de San Salvador de Coiro en Cangas ou San Lourenzo de Moraña.

Un torreiro, en cambio, chegou de terras do interior, da Ribeira Sacra lucense, en concreto de San Martiño de Pantón. Non faltaban familias do norte de España, como de Santa Marina de Veiga, preto da asturiana Navia, ou de Santoña na provincia de Santander, ou de Aldea del Pinar en Burgos. Máis ao sur, outros procedían de Madrid, Toledo ou de Barrax en Albacete.

Ata houbo fareiros do sur. De Andalucía: da gaditana Conil, ou de Capileira el Barranco, evocador topónimo que, segundo o investigador e escritor Fernando Cabeza Quiles, testifica a presenza de repoboación galega nas Alpuxarras granadinas. E de Murcia, da localidade de Mazarrón. E de Alacant? Houbo nas Sisargas fareiros de Alacant, como o Benlloch de Touriñán? Pois si, e curiosamente doutra illa, a alacantina Illa de Tabarca, e tamén de Torrevieja.

Se xa sería difícil saber como vivían estas dúas familias na primeira metade do século XX, que dicir do XIX! Pois hai milagre: un párroco da centuria de 1800 deixounos non poucos datos sobre unha illa da que di que incluso chegou a estar habitada, en remotos tempos, por case cen persoas.

Fauna e flora, pesca e marisqueo, baleas e biscaíños, leira (si, hóuboa!) e auga potable, peirao e piratas, comunicacións coa vila e lugar de ociosos e curiosos, o foro dos condes de Altamira e a capela de Santa Mariña… Nada se lle escapa ao curioso crego, merecente dun monumento. Pero esta é outra historia digna de rescatar!