«Só un 15 % do lixo mariño se lle pode atribuír ao sector pesqueiro»

A VIVA VOZ | Saleta González, bióloga, apunta cara ao cambio de hábitos e a redución dos residuos como únicas saídas


ribeira / la voz

Desde finais do 2017 vénse desenvolvendo no parque nacional das Illas Atlánticas un proxecto enmarcado na rede de protección dos ecosistemas mariños. Entre os principais obxectivos do plan están localizar os puntos de acumulación de residuos mariños para a súa eliminación e sensibilizar á sociedade, un reto que se considera fundamental para poñerlle freo a unha problemática que vai a máis. Entre os profesionais do Colexio de Biólogos de Galicia que traballan neste programa está Saleta González. As conclusión que ela e os seus compañeiros extraen son aplicables, seguro, a outros moitos puntos da costa galega.

-Que se fixo ata o de agora no marco deste programa?

-Entre as primeiras actuacións que se levaron a cabo destaca a constitución de mesas de traballo, nas que se implicaron sobre todo científicos, representantes do sector pesqueiro e oenegués que teñen vinculación co mar. Froito deses encontros saíu un plan de boas prácticas que tivo bastante éxito, pois foi descargado de Internet e compartido por numerosas persoas.

-Tamén houbo un importante traballo de campo...

-Si, realizáronse varias limpezas na illa de Sálvora e no seu contorno, para as que contamos tanto cos mariñeiros e coas súas familias como con asociacións e coa Federación Galega de Actividades Subacuáticas, entre outros.

-En que fase se atopa actualmente o programa?

-Este ano estamos traballando máis o tema da prevención, porque está moi ben incidir na necesidade de separar e reciclar, pero a clave é evitar que algo se converta en lixo, pois se seguimos na liña actual isto será imparable no futuro. Estamos promovendo mesas sectoriais, nesta ocasión na zona sur da ría de Arousa, para elaborar un decálogo de boas prácticas, un conxunto de medidas que todos poidan imitar. Por exemplo, hai mariscadoras que levan recipientes para recoller as cabichas da area.

-Está fundada a alarma que se está creando ao redor do problema dos plásticos na costa?

-Todo depende da lupa coa que se mire. Está claro que plásticos hai e microplásticos, moitísimos, que xa son perfectamente visibles desde a area. Se falamos do tocante á conservación da biodiversidade, o lixo mariño está afectando moitísimo á fauna, tanto por enredos como por inxestión. Aínda non está claro como vai afectar todo isto aos seres humanos. Existe un problema e hai que previr que vaia en aumento. É importante que a xente reflexione sobre esta cuestión.

-Cal é a procedencia da maior parte destes plásticos?

-O problema é que a orixe do lixo, na súa meirande parte, é indeterminada. A procedencia dun 85 % dos residuos mariños non está clara, poden vir tanto dos usuarios das praias como dunha persoa que está nunha embarcación de recreo. Só un 15 % do lixo mariño se lle pode atribuír ao sector pesqueiro. O que está claro é que o 78 % dos residuos que hai na costa son plásticos.

-Como se pode loitar contra a proliferación deste lixo mariño?

-A única vía é un cambio de hábitos. Ao non ter localizada a orixe concreta hai que partir da base de que os culpables somos todos, polo que hai que comezar a loita por facer un traballo de concienciación dos usuarios dos produtos e tamén dos fabricantes, co fin de evitar por exemplo os plásticos dun só uso. É un traballo de todos.

-Pensa que está a xente cada vez máis concienciada con esta problemática?

-Penso que si, porque a maior parte das malas prácticas débense ao descoñecemento. É certo que os criterios económicos inflúen na adquisición duns produtos ou doutros, pero tamén o é que en moitas ocasións as persoas non son coñecedoras do dano que producen determinados residuos. Cando llo explicas, reaccionan moi ben.

-Pode o problema do lixo mariño chegar a ser moi grave a medio prazo?

-Non me atrevo a dar unha resposta, todo depende do patrón de comportamento das persoas. Para min xa é grave a situación actual, porque está en perigo a conservación da biodiversidade dos hábitats.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Só un 15 % do lixo mariño se lle pode atribuír ao sector pesqueiro»